21 de novembro de 2022
A programación de “Deporte para a igualdade” comezará o 25 de novembro con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller e conta cun total de sete conferencias e unha mostra fotográfica
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Deportes, pon en marcha un ciclo de charlas sobre a igualdade no deporte. A programación componse de sete charlas e unha mostra fotográfica que teñen como obxectivo poñer en valor o deporte feminino da cidade, tanto as mulleres deportistas como aquelas entidades que traballan a inclusividade e a igualdade no deporte.
O ciclo "Deporte para a igualdade" abrirase o vindeiro venres 25 de novembro no Fórum Metropolitano con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres coa apertura dunha mostra fotográfica ás 16.30 h. Nela participan diversos clubs e deportistas da cidade e achéganse máis de 40 fotografías protagonizadas por mulleres deportistas coruñesas en diferentes disciplinas deportivas.
Logo da apertura da exposición, ás 17.00 h, terá lugar a primeira das sete charlas na sala de Marylin Monroe onde intervirán pioneiras do deporte coruñés como Lis Franco, Pili Neira ou Loli Touriño. As charlas estenderanse ata o sábado 3 de decembro, coa última das citas do ciclo sobre 'Deportistas con discapacidade', en conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Será ás 11.30 h no Fórum Metropolitano. Todas as charlas son de balde ata completar a capacidade, polo que non é preciso inscrición previa.
Esta actividade complementa a diagnose do Plan de igualdade que está a deseñar o Concello da Coruña, converténdose no primeiro municipio de España en desenvolver un documento destas características e cumprindo co obxectivo do Goberno de Inés Rey de facer da Coruña unha cidade máis inclusiva e igualitaria. Este ciclo conta coa promoción da FEMP e do Consello Superior de Deportes, no marco das axudas para a promoción de programas deportivos para a reducción da desigualdade no marco da Axenda 2030.
Calendario de charlas "Deporte para a igualdade"
Pioneiras
25 de novembro, ás 17.00 h no Fórum Metropolitano
Elite
28 de novembro, ás 16.30 h no Fórum Metropolitano
Persoal técnico
Clubs deportivos
30 de novembro, ás 17.00 h no Palacio dos Deportes de Riazor
Medios de comunicación
1 de decembro, ás 17.00 h no Palacio dos Deportes de Riazor
Arbitraxe
Deportistas con discapacidade
3 de decembro, 11.30 h no Fórum Metropolitano
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible