Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de setembro de 2023

O Concello da Coruña, premiado a nivel nacional polo seu plan de iniciativas e boas prácticas en educación vial a través da Policía Local

A Unijepol, en colaboración coa FEMP e a DGT, valorou o amplo abano de programas formativos que se desenvolven nos centros educativos, para reforzar conceptos de accesibilidade, mobilidade e seguridade peonil

O Concello da Coruña vén de ser premiado nos VIII Premios Nacionales de Seguridad y Educación Vial para las Policías Locales, galardóns outorgados pola Unión Nacional de Jefes y Directivos de Policía Local (Unijepol) en colaboración coa Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) e a Dirección General de Tráfico (DGT).

A este respecto, a Unijepol valorou o amplo abano de iniciativas e boas prácticas en educación vial promovidas polo Goberno municipal a través da Policía Local, que participa activamente desde hai máis de dúas décadas na formación do alumnado dos centros escolares da cidade. Ademais, as e os efectivos do Corpo policial municipal tamén colaboran coas asociacións que puidesen verse afectadas polos cambios normativos en termos de mobilidade.

Desta forma, a Policía Local busca introducir a persoas de todas as idades, con especial énfase entre as novas xeracións, no contexto da seguridade vial. Neste sentido, máis de 3.500 alumnas e alumnos coruñeses participaron, durante o curso escolar 2021-2022, nas diversas accións formativas en educación vial promovidas a través do Plan Coruña Educa. A formación en seguridade viaria forma parte do amplo abano de medidas posto en marcha polo Goberno de Inés Rey para facer do espazo urbano un entorno máis seguro para as persoas. 

Entre as iniciativas que valorou o xurado dos VIII Premios Nacionales de Seguridad y Educación Vial para las Policías Locales destacan por exemplo, prácticas como 'Os parruliños coñecen a rúa', que achega aos máis pequenos ao papel e traballo diario das e dos policías locais, e que tamén promove saídas polas inmediacións do centro educativo de referencia para comprender a súa contorna en base aos conceptos básicos de accesibilidade, mobilidade e seguridade peonil.

Ademais, o Concello da Coruña, a través da Policía Local, tamén aposta por experiencias inmersivas da mocidade. Por exemplo, coa simulación de accidentes de tráfico que reflicten o procedemento seguido polos servizos de emerxencia á hora de abordar esta cuestión. O obxectivo é facer comprender os custos sociais, humanos e materiais dun accidente de tráfico, así como o impacto que supón para coas persoas feridas e os seus familiares, no caso dos falecementos.

En paralelo, tamén se está a traballar na promoción de marchas ciclistas escolares, que catalizan as carencias e necesidades formativas da cidadanía ante o avance da mobilidade sostible e a progresiva creación de infraestruturas de carril-bici, unha cuestión de interese directa para a Policía Local. Esta iniciativa compleméntase, ademais, con talleres formativos de apoio á mobilidade, con nocións básicas sobre ergonomía, mecánica e o manexo de bicicletas, con charlas ofrecidas por efectivos da Policía Local na sección de Educación Vial.

Por outra banda, outras das iniciativas valoradas polo xurado dos premios foron os programas de formación e prevención a colectivos de risco, unha iniciativa formativa que conta con charlas-coloquio coa asistencia dunha intérprete de lingua de signos facilitada pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG).

A cerimonia de entrega de premios terá lugar o vindeiro día 24 de outubro en Madrid, no marco da IV Convención Nacional sobre Seguridad Vial de las Policías Locales, que acollerá o recinto feiral IFEMA.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión