Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de xullo de 2022

O vindeiro 2023 conmemóranse o 50 aniversario da morte do pintor, con actividades que comezarán a partir do vindeiro mes de decembro

O Concello da Coruña presenta en Madrid a programación cultural que desenvolverá con motivo do Ano Picasso

Este ano está prevista a rehabilitación da Casa Museo Pablo Picasso, que acollerá un centro de interpretación sobre o artista

O vindeiro ano 2023 conmemórase o 50 aniversario da morte do artista Pablo Picasso, coñecido por ser o impulsor do movemento cubista en España. Con motivo da celebración do Ano Picasso, o Concello da Coruña presentou esta tarde no Comité de Cooperación Interinstitucional para a conmemoración do aniversario do artista celebrado en Madrid, a programación cultural que ten prevista para homenaxear ao pintor co obxectivo de reivindicar A Coruña como capital picassiana. 

As actividades comezarán a partir do vindeiro 18 de decembro, data que coincide co 20 aniversario da apertura da Casa Museo Pablo Picasso. O espazo, situado na Rúa Payo Gómez nº 14, foi a casa familiar do artista durante a súa etapa coruñesa, aberta no ano 2002 para a divulgación da súa figura e vinculación coa cidade. Picasso residiu na Coruña dende os 9 aos 13 anos, unha etapa clave na súa formación como artista. Durante a súa estancia, foi estudante na Escola de Artes e Oficios, onde comezou a desenvolver a súa rama creativa con obras iniciales conservadas hoxe na Casa Museo. Deste xeito, a celebración do Ano Picasso na Coruña supón unha importante posta en valor da educación artística nas idades máis temperás, tentando fomentar a disciplina nos máis pequenos.

Entre a programación prevista atópanse diversas exposicións sobre o artista complementarias á gran exposición "Picasso blanco en el recuerdo azul" que se celebrará no Museo de Belas Artes, como  "Universo Picassiano - Homenaxe a Pablo Picasso na súa etapa coruñesa" no Kiosko Alfonso; ou "El Humor habla de Picasso", no marco do Encontro Mundial do Humorismo, que recollerá ilustracións en homenaxe ao pintor. Tamén está previsto a realización do III Congreso Internacional de Arte e Educación en colaboración coa Fundación Luís Seoane, que dedicará unha ponencia sobre a vinculación da educación artística na infancia a través do Picasso mozo; así como un ciclo de conferencias sobre a figura da muller no universo Picasso, tanto na súa pintura como na súa investigación.

Baixo o prisma de poñer en valor a importancia da educación nas diferentes artes, a Concellaría de Educación ampliará o convenio coa Escola de Belas Artes, para a elaboración de murais e programas educativos nos diferentes centros escolares. Deste xeito, o Goberno de Inés Rey continúa avanzando no seu obxectivo de converter A Coruña na cidade cultural de referencia, fomentando a disciplina dende os centros educativos. 

O Concello traballa ademais coa Xunta de Galicia no desenvolvemento de actividades conxuntas para a conmemoración deste ano. 

Rehabilitación da Casa Museo Pablo Picasso

Coincidindo coa celebración do Ano Picasso, o Concello da Coruña ten prevista a rehabilitación do primeiro andar da Casa Museo, aberta no ano 2002 para a divulgación da figura artística e da súa historia na cidade. Esta foi a casa familiar do pintor durante a súa estancia na Coruña, onde se conservan gran parte dos seus primeiros bocetos creativos, peza clave da súa etapa artística.

O obxectivo é ampliar e rehabilitar o primeiro andar para a creación dun centro de interpretación do artista, co que continuar acollendo material do pintor na súa etapa coruñesa. A reforma, que comezará antes de finalizar o 2022, coincidindo co 20 aniversario da súa apertura, abrirase ao público no vindeiro 2023 durante a celebración do Ano Picasso.

Esta actuación súmase á xa realizada este 2022 na Casa Museo Casares Quiroga co gallo do Ano Internacional María Casares, onde se acometeu a renovación do terceiro andar para a incorporación dun novo espazo expositivo. Desta forma, o Goberno de Inés Rey pon en valor o patrimonio da Coruña como cidade cultural, mellorando a súa oferta nas casas museo para a divulgación histórica e artística.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión