Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de xullo de 2022

A alcaldesa, Inés Rey, sobre a publicación: “Recolle un período clave na vida dunha muller adiantada ao seu tempo, achegándoo á cidadanía”

O Concello da Coruña promove a tradución ao galego das ‘Memorias 1841-1843’ de Juana de Vega, presentadas hoxe na Casa Museo Casares Quiroga

A publicación, editada pola Fundación Luzes en colaboración coa Fundación Juana de Vega, achégase á estadía da condesa de Espoz e Mina na Corte, como aia e camareira maior da raíña nena Isabel II e a súa irmá, Luisa Fernanda

A biblioteca da Casa Museo Casares Quiroga acolleu na tarde de hoxe o acto de presentación das 'Memorias 1841-1843' de Juana de Vega, traducidas ao galego, e editadas pola Fundación Luzes en colaboración co Concello da Coruña e a Fundación Juana de Vega no contexto do 150º aniversario polo pasamento de Juana de Vega.

A publicación contén textos escritos pola condesa de Espoz e Mina durante a súa estadía como aia e camareira maior na Corte da raíña nena Isabel II e a súa irmá, Luisa Fernanda, no contexto dun clima político convulso, con fortes tensións entre os partidarios da monarquía constitucional e os que defendían a continuidade das ideas absolutistas herdadas de Fernando VII.

A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor o traballo executado pola Fundación Luzes, "que hoxe ve a luz para recoller un período clave na vida dunha muller adiantada ao seu tempo, achegándoo á cidadanía". A rexedora recordou a figura de Juana de Vega por ser "unha referencia para a sociedade coruñesa da época, polas súas conviccións progresistas e porque amosou personalidade e carácter nun contexto social difícil".

No acto de presentación da publicación, no que a rexedora estivo acompañada por José Manuel Lage, voceiro do Goberno municipal, tamén participaron Teresa Táboas, vicepresidenta da Fundación Luzes; Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega; e Ana Luisa Bouza, tradutora do libro.

O contido das memorias

Os textos das 'Memorias 1841-1843' de Juana de Vega, traducidos ao galego por Ana Luisa Bouza, baséanse en manuscritos achados no arquivo da Cámara do Congreso no ano 1910, manuscritos que formaban parte da herdanza de Juana de Vega e que facían pública a súa visión desde dentro do Palacio do que foi a rexencia de Espartero, que contradicía parte do relato oficial que xustificou o alzamento militar de 1843.

A obra componse de 39 episodios, que parten desde a viaxe á Corte da Juana de Vega ata a súa despedida das princesas, pasando por sucesos como a insurrección de Barcelona e a capitulación de Madrid.

A colaboración entre o Concello e a Fundación Luzes

A alcaldesa, Inés Rey, recalcou hoxe que "esta colaboración coa Fundación Luzes e a Fundación Juana de Vega reafirma o compromiso do Goberno municipal para a tradución a galego de obras de referencia".

A finais do 2021, e no contexto dos actos de homenaxe a Emilia Pardo Bazán polo centenario do seu pasamento, o Concello e a Fundación Luzes promoveron a primera tradución a galego de 'La Tribuna', a terceira novela de Pardo Bazán, publicada no ano 1883. A peza traducida, levada a cabo por Valeria Pereiras, foi presentada o pasado mes de decembro no salón de actos da Real Academia Galega (RAG).

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión