Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de maio de 2022

Os traballos, nos que se investirán 3,1 millóns de euros, incluirán o soterramento de carrís do tranvía, a creación de novas áreas de xogos, a ampliación de zonas peonís, a mellora do carril bici e case 7.000 metros cadrados de novas zonas verdes

O Concello da Coruña renovará o Paseo Marítimo entre o dique de abrigo e o cemiterio de Santo Amaro

Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe un investimento de 2,7 millóns de euros anuais nas Escolas Infantis Municipais, cun contrato de tres anos que dará maior estabilidade e seguridade á prestación do servizo

O Concello da Coruña aprobou este venres, en sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local, o proxecto para reurbanizar o tramo do Paseo Marítimo que conecta o dique de abrigo co cemiterio de Santo Amaro, un percorrido de case quilómetro e medio de lonxitude que se mellorará co obxectivo de humanizar e naturalizar un espazo emblemático da cidade.

Os traballos poranse en marcha dentro da Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible (EIDUS) referida ás actuacións e proxectos con fondos FEDER da Unión Europea, e implicarán un investimento de 3,1 millóns de euros para transformar esta sección oriental do Paseo Marítimo e mellorar a contorna en termos urbanos e ambientais. A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor esta intervención, "enmarcada no noso plan de humanización e mellora da cidade, que aposta por unha nova forma de entender a mobilidade en espazos urbanos, así como a recuperación das rúas e o bordo litoral para o gozo da cidadanía".

A intervención neste tramo de case 1.500 metros abrangue, entre outras cousas, a substitución de firmes, que suporá o soterramento dos carrís do tranvía desde o viaduto que comeza á altura das Ánimas. Por outra banda, actualizarase a infraestrutura, dimensións e firme xa existentes do carril bici, bidireccional e de 2,5 metros de ancho; así como as do carril para correr, tamén bidireccional e de 2 metros de ancho. Ademais, a zona de circulación das bicicletas e as de vehículos motorizados estarán separadas coa disposición dunha ringleira de elementos vexetais. 

A reconfiguración do tramo do Paseo Marítimo entre o Dique de Abrigo e o cemiterio de Santo Amaro inclúe a ampliación das zonas verdes xa existentes. Ademais da plantación de novos exemplares de especies como bidueiros e liquidámbar (80), levaranse a cabo melloras nas zonas axardinadas xa existentes, onde se disporá unha rede de aspersores para a súa boa conservación. Está previsto axardinar case 7.000 metros cadrados. 

As intervencións de carácter medioambiental amplíanse coa modificación da rede actual de iluminación. Neste sentido, o Concello acometerá a actualización do sistema para adecualo aos parámetros actuais de eficiencia enerxética, e dispoñerá unha nova liña de lámpadas led en substitución das existentes actualmente na medianeira e o bordo da calzada.

O Concello levará a cabo, ademais, a posta en marcha dun novo espazo de xogos e deporte que estará situado fronte á enseada dos Pelamios. A reconfiguración da contorna permitirá a posta en marcha dunha zona de xogos infantís, unha pista multideporte e unha segunda área deportiva que contará cun circuíto de calistenia. Ademais, tamén neste enclave, disporanse dúas zonas de estacionamento para bicicletas.

Incremento do investimento nas Escolas Infantís Municipais (EIM)

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe un investimento de 2,7 millóns de euros para a prestación do servizo de xestión das Escolas Infantís Municipais da Agra do Orzán, O Castrillón-Carricanta, Os Cativos, Os Rosales, Mesoiro-Caracola, Arela, Luís Seoane e Monte Alto. 

Neste sentido, será o terceiro ano consecutivo no que as nais e pais dos pequenos que asisten ás Escolas Infantís Municipais (EIM) terán garantida a gratuidade do servizo, unha medida posta en marcha neste mandato como parte do plan de axuda ás familias, e que beneficia a máis de 800. "É un asunto de vital importancia para moitas familias da cidade, e a aposta polas Escolas Infantís é un compromiso inequívoco do meu Goberno. O contrato que hoxe aprobamos así o evidencia", sinalou a alcaldesa.

Ademais, subliñou Inés Rey, "por primeira vez contratamos, de forma conxunta, a xestión das escolas nun contrato que terá unha duración de tres anos, co que damos estabilidade e seguridade á prestación do servizo".

A rexedora tamén apuntou ao incremento experimentado polo orzamento destinado ás EIM: "Desde o ano 2020 aumentamos o investimento en preto dun millón de euros, co obxectivo de extender a gratuidade do servizo e tamén de mellorar a calidade na súa prestación ás familias".

Os aseos químicos na cidade

Tamén este venres, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á contratación en réxime de alugueiro e mantemento de 22 aseos químicos situados en diversas áreas da cidade, un servizo que terá unha duración de tres anos e no que o Goberno municipal efectuará un investimento de máis de medio millón de euros. "Damos resposta a unha demanda importante da cidadanía, que, especialmente desde a pandemia, solicitaba reforzar este servizo", explicou a alcaldesa, Inés Rey.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión