Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de decembro de 2022

Ademais, hoxe aprobouse a sinatura dun novo convenio no contexto do proxecto Conecta Coruña, que permitirá a instalación de sensores intelixentes no Hospital San Rafael

O Concello da Coruña ultima a adquisición da casa da rúa Sinagoga, un inmoble de gran valor histórico que pasará a ser de titularidade municipal

A Xunta de Goberno Local autorizou este mércores a expropiación, de mutuo acordo coas persoas propietarias, dunha parcela na rúa San Diego, que permitirá incrementar os espazos de lecer no barrio da Gaiteira

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe a aprobación dun acordo para que o Concello adquira a coñecida como a casa da Sinagoga, un inmoble de gran valor histórico situado na Cidade Vella que, unha vez se complete o proceso de compra cos actuais propietarios, pasará a ser de titularidade municipal.

Neste sentido, a Xunta de Goberno Local autorizou este mércores a adquisición directa das parcelas 4 e 4-A situadas na rúa da Sinagoga, onde probablemente, segundo os informes elaborados polos técnicos municipais, estaría localizada a sinagoga da Xudaría da Cidade Vella. No ano 2019, descubríronse baixo a casa os restos dunha antiga cisterna de auga, semellante a un alxibe, xa documentado a mediados do século XIX e que podería ser unha mikvé, un espazo para os baños rituais que prescribe o xudaísmo.

A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor este achado arqueolóxico, "xa que no mundo hai catalogadas algo máis de 350 mikvés; en España, que se teña coñecemento a día de hoxe, tres. Por isto, e porque falamos dun inmoble que é testemuño dunha arquitectura que pode documentarse entre os séculos XVI e XVIII, o Concello puxo todo o seu empeño en adquirilo, porque é un patrimonio que engade unha peza fundamental do crebacabezas da evolución histórica da cidade".

A adquisición da antiga casa da Sinagoga, que se levará a cabo de mutuo acordo coas cinco persoas propietarias do inmoble, implicará un investimento de 420.000 euros, correspondentes aos orzamentos deste ano 2022.

Seguindo as recomendacións da área municipal de Cultura, o Goberno de Inés Rey valorará a posibilidade de reconvertir a casa nun centro de interpretación da relixiosidade medieval na Cidade Vella, que explique, ademais, a evolución urbanística e poboacional do barrio.

Adquisición dunha parcela para ampliar os espazos de lecer na rúa San Diego

Dando continuidade aos asuntos relativos á área de Urbanismo, a Xunta de Goberno Local autorizou este mércores a expropiación, de mutuo acordo coas persoas propietarias, dunha superficie de algo máis de 175 metros cadrados situada entre as rúas San Diego e Petín, no barrio da Gaiteira.

Esta expropiación, por valor de 240.000 euros, permitirá que o Concello amplíe os espazos de lecer para a cidadanía na rúa San Diego, onde o Goberno de Inés Rey xa abriu ao público un parque biosaludable no verán de 2021. "Debido á existencia de pequenas parcelas privadas neste enclave, a ampliación do parque quedou suxeita á adquisición ou expropiación de dúas superficies lindeiras", explicou a alcaldesa. 

Hoxe, a Xunta de Goberno Local aprobou que o Concello asuma a titularidade dunha destas superficies e que permitirá a supresión dun tapón urbanístico no barrio da Gaiteira e a recuperación dun espazo que será destinado ao ocio e lecer da cidadanía.

Concesión de licenza para a rehabilitación da fachada na Torre Efisa

Ademais, este mércores, fíxose balance das licenzas resoltas no período entre os días 9 e 15 de decembro, con 82 expedientes notificados, dos que 11 foron licenzas urbanísticas e 43 foron obras en réxime de comunicado.

Entre as licenzas concedidas destaca a que autoriza á comunidade de propietarios do nº 5 da rúa Costa da Palloza, a Torre Efisa, a acometer un proxecto de rehabilitación enerxética integral nun bloque de edificios de 180 vivendas.

"É un investimento de carácter privado, que ascende a 5,7 millóns de euros, e que permitirá illar a fachada para transformala, ademais, nunha fachada fotovoltaica", describiu a alcaldesa. Ademais, a comunidade de propietarios poderá executar a impermeabilización da cuberta e a renovación dos sistemas de calefacción do edificio para adecualos á normativa vixente. As obras, desde a súa posta en marcha, terán un prazo de execución de doce meses.

Convenio co hospital San Rafael no contexto do proxecto Conecta Coruña

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou a sinatura dun convenio co hospital San Rafael no contexto do proxecto tecnolóxico Conecta Coruña, unha iniciativa dotada con cinco millóns de euros, cofinanciada con fondos FEDER, que promove infraestruturas intelixentes e o uso do do 'big data' en máis de 200 edificios da cidade.

Baseándose nese proxecto, o Concello acometerá a instalación de sensores intelixentes grazas aos que poderá optimizarse nos edificios o consumo de recursos hídricos, valorar axustes automáticos da iluminación e dispor dunha medición continua do gas radón, mitigando riscos para a saúde das persoas.

Tras os tres convenios aprobados a semana pasada, que posibilitaron a adhesión da Universidade da Coruña, a lonxa da Coruña e Cruz Vermella a este proxecto, este mércores autorizouse a aprobación do convenio para que o Instituto Médico Quirúrxico San Rafael conte con sensores tecnolóxicos orientados á monitorización de servizos esenciais como a auga e a luz eléctrica; un sistema de detección de fumes e un sistema para avaliar a calidade do aire.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión