Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de xullo de 2025

O Concello dá licenza para mellorar o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade das Xubias

O Goberno de Inés Rey tamén aproba permisos para remodelar o interior da residencia de maiores Torrente Ballester

Este xoves aprobáronse en Xunta de Goberno Local os permisos necesarios para executar as melloras de accesibilidade necesarias no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade nas Xubias de Arriba. O Concello colabora coa Consellería de Política Social, da Xunta de Galicia, e facilita a intervención nas instalacións.

Prevese a creación dun aparcadoiro baixo rasante con 80 prazas e a construción de novas pasarelas de comunicación e itinerarios accesibles entre as diversas edificacións do centro, unha medida clave para adaptar os espazos ás necesidades das e dos seus usuarios. "Isto suporá un avance fundamental no referente á mobilidade e traslado diario das persoas que usan este complexo sanitario", dixo a alcaldesa.

Tamén se concedeu hoxe licenza para remodelar os interiores da residencia de maiores Torrente Ballester, entre Santo Amaro e Monte Alto. O Concello colabora coa Administración autonómica facilitando os permisos necesarios para actuar na instalación e mellorar as dependencias e equipamentos da residencia. As obras contan cun prazo de execución de 24 meses desde a súa posta en marcha.

Licenzas

Ademais, na Xunta de Goberno Local fíxose balance das licenzas e permisos urbanísticos tramitados nos últimos 15 días. Cómpre destacar a concesión da licenza que permitirá rehabilitar e ampliar o edificio correspondente ao nº 4 da rúa Francisco Mariño, no barrio do Ensanche. Trátase dun inmoble en estado de abandono, coa fachada protexida. Nos últimos anos viña sendo un foco de insalubridade, experimentando un deterioro progresivo. Agora, poderá ser rehabilitado e ampliado. Para que se inicien as obras é preciso que a promotora emende documentación pendente e, ademais, ao estar no ámbito PEPRI, deberá haber un control e seguimento arqueolóxico no contexto dos traballos.

Saneamento en Castro de Elviña

Hoxe tamén se aprobou o proxecto das novas melloras de saneamento que o Goberno municipal previsto acometer nos núcleos poboacionais de Castro de Elviña, onde investiremos 812.338 euros. As actuacións levaranse a cabo entre as rúas do Canedo, O Picho, A Fraga e a Pena do Cuco. Renovarase a rede municipal de sumidoiros de augas residuais. Ademais, dotarase o barrio dunha nova rede separativa para recoller as augas pluviais. Contarase con fondos do POS da Deputación para cofinanciar os traballos.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión