26 de xullo de 2016
A concelleira de Medio Ambiente censura que a administración galega e a firma negocien "de costas ao Goberno local" as condicións dun novo protocolo que afecta aos ingresos da administración municipal e esixe que a data de referencia do documento sexa xuño deste ano, e non 2015, de xeito que as condicións que se recollen nel teñan en conta o incremento na recuperación de envases dos últimos meses
A concelleira de Medio Ambiente, María García, demandou hoxe que o convenio que está a negociar a Xunta coa entidade Ecoembes en relación á reciclaxe de
residuos inorgánicos urbanos e, en concreto, a adenda que atinxe á planta de Nostián garanta que a cidade non se vexa penalizada pola redución do prezo por tonelada recuperada que se recollerá no documento e que o documento garanta os ingresos que actualmente percibe o Concello -2,18 millóns de euros ao ano- pola alta taxa de reciclaxe que alcanza "grazas aos esforzos da cidadanía para a separación do lixo en orixe, do persoal de Nostián e da propia administración". Tal e como salienta a responsable municipal, o protocolo que rexirá o pagamento que fan os produtores de envases ás distintas administracións locais pola posta en marcha da recollida selectiva para a recuperación dos mesmos "non pode afectar aos ingresos do Concello" e debe asegurar tamén os custes que implica para os e as traballadoras do complexo. Tal e como expón, o novo protocolo estipula unha redución do 15% do prezo por toneladas dos envases recuperados e melloras na instalación coruñesa para a compra e instalación de equipos que compensen esta pérdida, a través da mellora das ratios de reciclaxe da planta nunha porcentaxe
equivalente. Neste sentido, García require tamén que o documento inclúa a posibilidade de volver
ás condicións anteriores en caso de que estas melloras no centro de xestión de residuos non aseguren unha maior recuperación de envases para garantir o equilibrio dos ingresos que percibía o Concello por reciclaxe, e volver aos prezos anteriores.
García volveu pedir este martes que o Goberno local sexa informado puntualmente das condicións
que se están a negociar entre a Xunta e Ecoembes e demandou "unha maior lealdade institucional" por parte da administración autonómica, en tanto que as condicións que sairán dese proceso afectan ás arcas municipais. Nese sentido, censurou que as conversas entre as dúas partes estense a realizar "de costas ao Goberno coruñés" e esixiu que o convenio resultante
inclúa as reclamacións que se lle formularon á conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato,
durante a xuntanza que mantivo hai unha semana co alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a propia
concelleira. Entre elas, García destaca a elección da data de referencia para a vixencia do convenio, que para o Concello coruñés deberá marcarse en xuño desde ano 2016 e non en 2015, como se baraxa, "dado o incremento na recuperación anual que se vén producindo nos últimos anos e incluso durante os primeiros meses do 2016, superior nun 15,9%". Como lembra, a taxa de recuperación de envases que ten A Coruña é moi superior á media galega e estatal, polo que a modificación de cláusulas do protocolo "non debe penalizar o esforzo da veciñanza", como tampouco aos concellos do Consorcio das Mariñas, que doutro modo se verán igualmente prexudicados polas novas condicións do convenio.
Do mesmo xeito, o Concello demanda que a planta de Nostián sexa tratada nesta negociación "nas mesmas condicións da de Sogama" e, deste xeito, se perciban os ingresos correspondentes polo papel e cartón que entra no biodixestor da mesma maneira que se paga por esa fracción na planta de cerceda, "o que podería supoñer uns ingresos a maiores de 100.000 euros que non se teñen en conta no convenio".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible