15 de febreiro de 2016
A concelleira Silvia Cameán recorda que “o cambio de cubertas do centro educativo, como obra maior, é responsabilidade da Xunta de Galicia, institución coa que o Goberno local está intentando reunirse sen obter resposta satisfactoria para abordar a solución deste tema”
A Concellería de Xustiza Social e Coidados, que ten as competencias municipais en materia de Educación, solicitou, en cumprimento do compromiso da titular do departamento, Silvia Cameán, coa directiva do CEIP María Barbeito, o presuposto de reparación das necesidades máis urxentes que presenta o centro educativo. En concreto, o orzamento que recibiu o Goberno local ascende a 27.522 euros, entre materiais e man de obra. Este será aboado co obxecto de arranxar “á maior celeridade” desperfectos tales como as goteiras que presenta a cuberta do edificio onde se atopan as aulas de infantil. “O Goberno da Coruña vai actuar ante unha situación intolerable, como é o feito de que alumnos teñan que acudir a clase nesta situación. Facémolo por responsabilidade e compromiso coa cidadanía e coa calidade do ensino, aínda que entendemos que a necesidade real deste centro é que se lle cambien por completo as cubertas, unha obra maior que legalmente, a todos os efectos, corresponde á Xunta de Galicia”, indica Cameán.
Nesta reparación de carácter urxente asumida na súa totalidade polo Concello da Coruña, procederase a substituír as pranchas da cuberta do edificio que se atopan agretadas ou rachadas, colocaranse láminas laterais en chapa galvanizada, limparanse os canalóns e se aplicará unha pintura impermeabilizante en toda a cuberta, ademais doutras actuacións.
Desta forma, o Concello cumpre co comprometido pola concelleira Cameán a pasada semana, cando visitou o centro educativo co obxectivo de comprobar o estado no que atopaban as cubertas, ante a alerta de filtracións das que avisou o equipo directivo do colexio. A responsable municipal indicou que o Executivo local activaría, no menor tempo posible, o proceso de reparación das necesidades máis urxentes, á vez que volvería a solicitar á Xunta “que asuma o traballo que lle corresponde, que é o de substituír as cubertas danadas”, toda vez que o Concello xa ten en licitación a substitución da cuberta do edificio principal, “malia non ser responsabilidade da Administración local, senón da Autonómica, asumir ese custo”.
A concelleira de Xustiza Social e Coidados recorda que foi o anterior Goberno o que ditou a resolución de aprobación do proxecto de execución da substitución da cuberta do María Barbeito o 5 de maio de 2015 por un importe de 145.478,57 euros. “Na actualidade, a licitación atópase en fase de valoración de ofertas, debido ao gran número de empresas que se presentaron a este concurso público”, indica Cameán, quen apunta a que “tamén se está a dar a maior celeridade á resolución deste trámite”.
Reunión coa Xunta
Cameán deixou clara “a responsabilidade do Concello coa educación e coas familias cuxos nenos e nenas asisten ao CEIP María Barbeito”, á vez que solicitou á Xunta de Galicia “lealdade institucional, asunción de competencias”, e que dea “facilidades para que se propicie unha reunión entre as súas administracións, tendo en conta que estamos a falar do benestar da cidadanía e, en especial, de menores”.
Ao fío disto, a concelleira explicou que o pasado xoves, tras a visita que realizou ao centro de ensino “solicitouse dende a propia Alcaldía do Concello unha reunión co conselleiro de Educación, obtendo como resposta que nestes momentos non era posible”.
Por outro lado, Cameán recordou que non existe ningún documento firmado polo Concello no que este se comprometa a realizar obras que non son da súa competencia, como o cambio de cubertas do centro educativo.
Dende o inicio do presente curso escolar, o Concello leva acometido máis de 40 actuacións no María Barbeito, moitas delas dirixidas a reparar pingueiras e filtracións, entre reparacións de fontanería e albanelería e limpeza de canalóns, entre outros traballos.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible