29 de xullo de 2026
Hoxe, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou o calendario de festivos locais para o ano 2027: serán o martes de Entroido e o día de San Xoán
Este mércores, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do contrato plurianual correspondente ao servizo de conservación e mantemento integral das instalacións deportivas municipais, no que se investirán 1,6 millóns ata o ano 2028.
A UTE Ángel Roade - Jardinería Arce será a encargada de prestar o servizo ata o dito exercicio, tras ser a oferta mellor valorada pola Mesa de Contratación, que tivo en conta aspectos engadidos á proposta económica inicial. Por exemplo, a colocación de liñas de vida ou sistemas de seguridade para traballos en altura nos pavillóns polideportivos, sen custo repercutido para o Concello.
Desta forma, o Goberno de Inés Rey avanza co plan de melloras previsto nos espazos deportivos que son de titularidade municipal, onde tamén se está a traballar para modernizar as súas infraestruturas. Actualmente, con actuacións en marcha nos campos de fútbol de Visma, onde se están a renovar os tapetes artificiais, e na Cidade Deportiva da Torre - Arsenio Iglesias, coa primeira fase para reformar os vestiarios da instalación.
1,4 millóns en investimentos para o servizo de emerxencias
Tamén hoxe, o Goberno municipal deu luz verde a un investimento de 1,4 millóns no Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS).
A metade desta cifra, máis de 700.000 euros, destinaranse á contratación, subministro e mantemento integral dun vehículo configurado como posto de mando avanzado (PMA), clave para garantir a máxima coordinación operativa en emerxencias e intervencións complexas e dispositivos de seguridade en eventos multitudinarios, axilizando a toma de decisións en tempo real e garantindo unha resposta máis completa en contextos de emerxencia.
A maiores, tamén se aprobou a contratación do subministro dun furgón de salvamentos varios, con vistas á renovación do actual vehículo que está operativo. Neste caso, o investimento tamén será próximo aos 700.000 euros.
O martes de Entroido e o día de San Xoán, festivos locais
Ademais, na Xunta de Goberno Local deste mércores tamén se deu luz verde ao calendario de festivos locais de cara ao vindeiro ano 2027.
O Goberno municipal fixou os días 9 de febreiro (martes de Entroido) e 24 de xuño (festividade de San Xoán).
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible