7 de setembro de 2019
O edil de Economía e Facenda, José Manuel Lage, formalizou esta semana co Banco Sabadell a firma do contrato dun crédito de 6,5 millóns de euros que serve para poñer en marcha actuacións moi necesarias e demandadas pola cidadanía. O préstamo permite desenvolver distintos proxectos do programa EIDUS
O portavoz do Goberno local e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, Jose Manuel Lage, formalizou esta semana co Banco Sabadell a sinatura dun contrato de crédito de 6.505.000 euros que serve para reactivar a licitación de obra pública na cidade despois dun tempo de certa parálise, e permítelle ao Goberno local executar unha serie de obras moi necesarias e demandadas pola veciñanza.
O edil de Economía destacou que "é fundamental impulsar a contratación pública e esta operación permitirá reactivar a economía local, e ao mesmo tempo vai posibilitar atender a vellas demandas dos barrios da nosa cidade". Con esta operación de crédito dáselle impulso dende o Goberno local a un bo número de proxectos que estaban parados e que foran incluídos na última modificación dos orzamentos do pasado mandato.
O Goberno local no seu primeiro mes de mandato reactivou as xestións que quedaran pendentes do mandato anterior e a Xunta de Goberno Local deulle o visto e prace o pasado día 3 de setembro.
Lage sinalou que "a partida máis importante, máis de dous millóns de euros, dedicarase a finalizar o complexo deportivo do Castrillón. Este investimento permitirá concluír a construción e dotar o centro do equipamento necesario para poñer en funcionamento a área de seco e a piscina climatizada."
Lage lembrou que o proxecto da piscina se enmarca dentro da Estratexia EidusCoruña, que está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do eixo de desenvolvemento urbano do Programa Operativo Plurirregional de España ( POPE) 2014-2020".
Nestas actuacións foi clave a participación da cidadanía, das organizacións, de entidades públicas e privadas, e de todos os axentes sociais. Realizaranse obras no espazo público do Mercado de San Agustín cun investimento de 134.515,91 euros.
Tamén se poñerá en marcha un plan de humanización e naturalización do paseo marítimo, 100.000 euros, e a construción dun acceso peonil desde O Birloque ao polígono de Pocomaco que terá unha partida de 41.400 euros. O Goberno, dentro do Plan EIDUS, eliminará barreiras arquitectónicas e mellorará o espazo público no ámbito de Pepri e reordenará o tráfico na rúa Severo Ochoa, onde tamén se realizarán obras de urbanización para darlles maior protagonismo ás persoas viandantes.
Os xardíns históricos da cidade terán o seu oco nestas licitacións. Está previsto un plan de mellora en Azcárraga, San Carlos e a Rosaleda de Méndez Núñez; e outro para dotar de maior accesibilidade as praias do Orzán, Oza, Portiño, Lapas e Bens. Na lista inclúense partidas para iniciar as reformas dos mercados de Santa Lucía, Monte Alto, 132.731,41 euros, e o de Durmideiras, este último dentro do plan EIDUS, por valor de 229.347,27 euros.
Por outra banda, o Goberno local que lidera Inés Rey ten previsto, con cargo a esta operación de crédito, acometer outros proxectos valorados en máis de 1,2 millóns de euros.
Entre estas actuacións destaca a creación de puntos limpos de proximidade, a instalación ou reforma de zonas de xogos infantís no complexo deportivo de Elviña, na praza de Tabacos e Nostián, así como nas urbanizacións Valaire e Breogán.
A construción de beirarrúas na avenida San Cristovo entre O Birloque e Matogrande, a finalización das obras de recollida de pluviais en Nostián, a iluminación do obelisco Millennium e a rehabilitación das fontes tradicionais de Eirís son algunhas das propostas veciñais incluídas na lista de actuacións.
O Goberno local tamén ten previsto acometer a instalación dun circuíto de running e canastras de baloncesto no parque de Santa Margarida, dun rocódromo ao aire libre no parque de Bens e de desfibriladores nos edificios municipais.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible