Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de setembro de 2016

O Concello dotará de sistemas automáticos de detección de incendios un centenar de fogares, "reforzando a seguridade de colectivos sensibles, como son as persoas maiores que viven soas"

O alcalde, Xulio Ferreiro, inaugurou esta mañá a XI Semana da Prevención, que ata o vindeiro día 28 concentrará as súas actividades na praza de María Pita e levará as súas accións ao parque de Bombeiros, o polígono de Agrela ou os centros de ensino

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou na mañá deste venres na presentación da XI Semana da Prevención  que desenvolve desde hoxe e ata o día 28 o Concello, a través do servizo municipal de Bombeiros, un acto no que o rexedor avanzou o proxecto que o Goberno local ten xa en marcha para dotar a un cento de fogares da Coruña dun sistema de detección automática de lumes, que permita aos equipos de emerxencias activar o protocolo de actuación de xeito inmediato, minimizando o risco para as persoas residentes e de propagación en casos de incendios domésticos. A iniciativa, sinalou o alcalde, vai dirixida a colectivos "sensibles, que teñen máis risco de sufrir as consecuencias dun incendio doméstico", como son as persoas maiores que viven soas, xente con problemas de mobilidade e outros colectivos vulnerables. "Unha vez máis, a seguridade traballa da man da xustiza social para dar cobertura ás persoas que máis o necesitan", valorou Ferreiro, indicando que os dispositivos non terán custo para os e as usuarias beneficiarios.

Este sistema de prevención, que está orzamentado en 50.000 euros, permitirá detectar o foco do lume nunha vivenda mediante o fume ou a alta temperatura, e enviará un sinal de aviso á central do parque de Bombeiros. Faise, segundo explicou Ferreiro na súa intervención, para asegurar unha actuación rápida dos servizos antiincendios, que en casos onde as persoas afectadas son anciás, persoas con mobilidade reducida ou algún tipo de diversidade funcional, e nos que o aviso non se realiza de forma inmediata, o que fai medrar o risco. "Ao final, a prioridade é salvagardar o benestar da cidadanía, poñendo os reforzos nas persoas e colectivos máis vulnerables", destacou o alcalde, quen reafirmou a aposta do Goberno local pola seguridade e a prevención. "Semanas como a que desde hoxe celebramos son, sen dúbida, útiles e importantes para trasladar á cidadanía, profesionais e veciñanza, coñecementos necesarios, pero o traballo vai moito máis alá", indicou, para aludir ás máis de seis mil horas dedicadas polo servizo de Bombeiros a actividades formativas e preventivas ao longo do ano pasado, no que se realizaron un total de 308 accións neste ámbito.

En relación ao programa da XI Semana da Prevención, que o servizo de Bombeiros da Coruña desenvolve en colaboración coa Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB) e a Fundación Mapfre, o alcalde salientou as moitas actividades que desde hoxe mesmo se realizan na praza de María Pita, e se estenderán tamén ao parque de Bombeiros e a varios centros de ensino da cidade. Delas destacou o simulacro de mercancías perigosas que terá lugar o vindeiro martes, día 27, ás 10.00 horas, no polígono de Agrela, "o primeiro deste tipo que se fai na cidade, e que porá a proba a todos os equipos de emerxencias da cidade, e a todas as entidades e profesionais implicadas nunha situación deste tipo". Consistirá no rescate de varias vítimas atrapadas nun turismo tras a colisión do vehículo cun camión que transporta mercancías perigosas, e que deriva nunha fuga de gas, e  intervirán, ademais a do conxunto de corpos municipais de emerxencias (Policía Local e Bombeiros, Protección Civil, e tamén servizos como o de Infraestruturas) a Policía Nacional e, a maiores, a súa unidade de TEDAX (equipo Técnico Especialista en Desactivación de Artefactos Explosivos do 091), os servizos sanitarios de 061 e Cruz Vermella, a Xunta de Galicia a través do 112, as empresas do sector como Repsol e Repsol Butano e tamén as empresas ubicadas na contorna do lugar do simulacro.

 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión