20 de decembro de 2022
No que vai de mandato, o Goberno de Inés Rey executou un investimento superior aos dous millóns de euros para incrementar a seguridade na contorna dos colexios coruñeses
Quince nenas e nenos, pertencentes a 14 centros educativos da cidade, gañaron os premios da oitava edición do concurso escolar ‘Agora imos andando ao cole’
A alcaldesa, Inés Rey, fixo hoxe entrega dos premios da oitava edición do concurso escolar 'Agora imos andando ao cole', unha iniciativa impulsada pola asociación STOP Accidentes e no que colabora o Concello da Coruña, co obxectivo de reforzar a mensaxe da seguridade viaria e tamén os comportamentos seguros na contorna dos centros educativos.
Durante o acto, que tivo lugar esta tarde no Salón de Sesións do Palacio Municipal de María Pita, premiouse a 15 nenas e nenos, en idades de entre oito e once anos. Todos eles participaron no certame achegando textos e debuxos que reflicten o sentir da rapazada con respecto a cuestións como a mobilidade sostible, a transformación da contorna urbana e a redución da contaminación nas cidades, aspectos que valorou o xurado á hora de determinar os gañadores do concurso.
A rexedora puxo en valor "a sensibilidade e capacidade de observación dos máis pequenos, fundamental para cambiar a nosa sociedade en clave positiva", e recalcou que o compromiso amosado pola rapazada participante no concurso, en clave de respecto aos espazos comúns, os sinais de circulación e as novas formas de mobilidade nas cidades, "son compartidas polo Goberno municipal".
No que vai de mandato, o Concello efectuou un investimento superior aos dous millóns de euros para reforzar a seguridade nos accesos aos centros educativos, incrementando a superficie de zonas peonís fronte aos centros escolares e mellorando os camiños escolares coa disposición de pasos peonís elevados. Este ano, en concreto, ademais de dar continuidade a esta liña de actuación,dispúxeronse tamén novos sinais en cor na contorna de colexios como Labaca e Wenceslao Fernández Flórez, co obxectivo de pacificar o tráfico nas proximidades.
Durante o acto de entrega de premios, a alcaldesa, Inés Rey, estivo acompañada polo concelleiro de Educación, Jesús Celemín; Jeanne Picard, delegada de STOP Accidentes Galicia; María Victoria Gómez Dobarro, directora provincial de Tráfico na Coruña; José Manuel Rico, intendente da Policía Local e xefe da Unidade de Tráfico da Coruña; Antonio Alfeirán, comisionado para a Mobilidade na Coruña; Ana San Claudio, presidenta da Federación Provincial de Asociacións Padres de Alumnos de Colegios Públicos de A Coruña e Fernando Torrado Rivas, secretario da Federación Provincial de Asociaciones Padres de Alumnos en Colegios Concertados y Privados de A Coruña.
As nenas e nenos gañadores desta oitava edición do concurso escolar 'Agora imos andando ao cole' foron os seguintes:
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible