21 de setembro de 2016
O concelleiro de Mobilidade Sostible salienta o "novo marco de colaboración" que se abre tras a xuntanza de hoxe coa Xunta, na que "quedou claro que é necesario coordinar as redes de transporte urbanas e interurbanas para asegurar a calidade do servizo"
O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, saudou hoxe o "novo marco de colaboración" que se abre coa Xunta para a coordinación e planificación da penetración do transporte metropolitano, así como os itinerarios dos buses, tras a xuntanza mantida esta mañá polo responsable municipal co subdirector xeral de Mobilidade e outros membros da Consellería de Infraestruturas. "Ábrese unha nova etapa na que o Concello e a Xunta traballarán de forma coordinada, de modo que a Xunta recúa na súa intención inicial de implantar o seu plan de transporte interurbano tal e como o tiña formulado, onde non contaba co Concello", salientou ao remate do encontro Díaz Grandío, quen avanzou que o primeiro paso nesta nova liña de traballo será a constitución dunha mesa técnica, integrada por persoal municipal e da Administración autonómica, que analizará as posibilidades de implantación e unha nova estrutura de penetración do transporte interurbano na Coruña. A primeira xuntanza será, segundo adianta o concelleiro, a próxima semana.
"O Concello acudiu á reunión remarcando as eivas das que adoecía o Plan de Xunta, como o feito de non contemplar a estación Intermodal como nodo e punto clave da mobilidade urbana e interurbana para os próximos anos en toda a comarca coruñesa", indica Díaz Grandío, quen sinala que a prioridade do Concello é "salvagardar os intereses da cidadanía e asegurar que a calidade do servizo de transporte público urbano non se ve ameazada". "As nosas alegacións eran contudentes porque entendíamos que existen erros graves no plan inicial da Xunta que poderían ter consecuencias negativas para os e as usuarias do transporte, non só da cidade senón de toda a área metropolitana", subliña o concelleiro, quen destaca que o fin último "debe ser buscar a coordinación entre as dúas redes de transporte, para que presten un bo servizo á cidadanía". Nese sentido, valorou o "clima de diálogo" e o novo "marco de traballo" aberto hoxe.
Nesa mesma liña, o alcalde da Coruña reafirmou este mércores o obxectivo común de "mellorar as vidas dos nosos veciños e veciñas, da Coruña e de toda a área metropolitana, e facer do transporte metropolitano un servizo o máis seductor posible para a xente, para que use transporte público e non o coche privado". A este respecto, o rexedor urxía esta mañá á Xunta a "intentar consensuar o proxecto cos concellos, particularmente co da Coruña, por ser o máis afectado". "Temos que ver os problemas que pode acarrear este plan e falar deles, porque se na cidade hai zonas sensibles de tráfico, ampliar o número de buses neses puntos pode ter inconvenientes -exemplificou-. Antes de que a Xunta presentase o seu Plan terían sido bo manter reunións como a de hoxe para intentar consensuar as actuacións. Trátase de facer agora no que non se fixo no seu tempo".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible