Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de marzo de 2023

O Concello e Afundación Obra Social ABANCA impulsan o proxecto Pedalear e Conversar

Trátase dun programa de voluntariado para acompañar a persoas maiores con mobilidade reducida en paseos en triciclo eléctrico pola cidade

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey e o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, asinaron no Palacio de María Pita o convenio para impulsar o proxecto Pedalear e Conversar. Trátase dun programa de voluntariado para combater a soidade non desexada e potenciar as relacións interxeracionais das persoas maiores con outras persoas da súa contorna á vez que gozan do espazo público da cidade. 

O programa conta con dous triciclos activos e despois de Semana Santa haberá un teléfono habilitado para inscribirse e gozar da experiencia. A alcaldesa Inés Rey sinalou que Pedalear e Conversar "encaixa perfectamente nos obxectivos de loita contra a soidade non desexada entre os nosos veciños e veciñas de maior idade que estamos a levar a cabo dentro de Coruña Acompaña, ese gran paraugas que acolle todas as nosas actividades para persoas maiores. Facelo da man de Afundación supón un plus de calidade neste servizo e confirma a utilidade da colaboración público-privada para proxectos sociais", agregou a rexedora. Pola súa banda, o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, subliñou que "a comunicación interxeracional é moi necesaria para que a mocidade e a xente maior poidan estar en contacto, escoitarse e conversar, para aprender e enriquecerse mutuamente"

O programa Pedalear e Conversar que se inicia agora na Coruña forma parte do movemento internacional "En bici sen idade", xurdido en Dinamarca en 2012 e presente en máis de 50 países. Ten por obxectivo establecer novas relacións e conversas entre os voluntarios e as persoas maiores participantes, á vez que se goza da cidade. 

Con dous triciclos activos, «Pedalear e conversar» conta coa participación de voluntarios de Afundación e está aberto a todas as persoas con interese no mesmo, tendo en conta que a incorporación como persoa voluntaria ao programa require unha formación previa e realizar prácticas para o manexo do triciclo, antes de realizar de forma autónoma estes paseos con persoas maiores.

O Concello porá en contacto a Afundación coas persoas maiores beneficiarias do Programa, á vista das necesidades detectadas polos Servizos Sociais Municipais. Ademais, será o Concello, a través da Concellaría de Servizos Sociais o encargado de planificar e definir as rutas de forma segura e establecer os puntos de recollida e finalización dos paseos. 

Pola súa banda, Afundación proporcionará os triciclos e o servizo de forma gratuíta, establecerá co Concello unha planificación conxunta dos paseos para harmonizar a demanda existente coa dispoñibilidade en cada momento e formará as persoas voluntarias para que adquiran as destrezas necesarias para conducir o triciclo con habelencia e seguridade.

As personas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación a través do número de teléfono 981 184 231, que estará operativo de 14.00 a 19.00 horas. Tamén recibirán asesoramento chamando ao 010. Así mesmo, as persoas que queiran participar como voluntarias poden contactar con Afundación no teléfono 698 122 915 ou no correo electrónico pedaleareconversar@mais60.afundacion.org.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión