22 de maio de 2017
O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, destacou a programación escénica e de obradoiros itinerantes para o público infantil que culminará cunha gran gala en María Pita o sábado 24. A noite do 23 ao 24 terá lugar na explanada do Pazo dos Deportes de Riazor a segunda edición de Son de San Xoán, coa actuación de Mar de Fondo, Yul, Tregua e Muchachito Bombo Infierno
A Coruña acollerá unha programación especial de espectáculos con motivo da Festa de San Xoán de carácter itinerante e destinada especialmente ao público infantil e familiar que comezará o 16 de xuño e rematará o 24 cunha gran gala, con sesión de mañá e de tarde, que terá lugar na Praza de María Pita. Ademais, e dentro das actividades de promoción desta festa turística de interese internacional, máis alá da habitual falla na praia de Riazor e as cacharelas que se reproducen tanto nos areais como en diversas zonas da cidade, a explanada do Pazo de Deportes de Riazor acollerá a segunda edición de Son de San Xoán, que contará coa actuación dos grupos Mar de Fondo, Yul, Tregua e Muchachito Bombo Infierno. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, así como o titular de Emprego e Economía Social e presidente do Consorcio de Turismo, Alberto Lema, presentaron esta mañá as liñas xerais da programación e a promoción de San Xoán. "Este ano apostamos por unha programación con motivo do San Xoán vinculada á promoción dos e das creadoras locais, así como pola descentralización, levando actuacións de carácter itinerante a todos os barrios, en claro paralelismo coa espontaneidade da propia festa de San Xoán", indicou Sande, que engadiu que en breve o Concello presentará tamén a campaña ambiental vinculada a esta celebración, así como dará a coñecer as liñas mestras do dispositivo especial de seguridade, centrado especialmente na noite do 23 ao 24 de xuño. "O Goberno local sempre entendeu a festividade de San Xoán coma un exercicio de transversalidade, que implica a numerosas áreas deste Executivo. Ademais da programación festiva e de carácter cultural e turístico, tamén temos xa en marcha a campaña de concienciación ambiental Móllate!", recordou.
Sande explicou que entre o día 16 e o 24 haberá 24 espectáculos realizados en distintos espazos da cidade, dando lugar a unha programación escénica, especialmente centrada no público infantil, elaborados de xeito participativo coas compañías escénicas locais Caramuxo Teatro, Elefante Elegante, Martín Camiña, Danthea Teatro, A Trastenda dos Contos, Pérez Fernández, Artestudio, Teatro do Andamio e Galiocio. "Todas estas actividades están encadradas no que agora demos en chamar Ruada das Xoubas, un nome que está vinculado a ese ruar, ese carácter itinerante e festivo do San Xoán", dixo Sande, que explicou que as actividades se levarán a cabo no Parque de Oza, a Praza das Conchiñas, San Pedro de Mezonzo, Palavea, Praza de Pablo Iglesias, Parque de Santa Margarita, Paseo das Pontes, Campo da Leña, Praza de Pescadores, Paza Indalecio Prieto, Praza Elíptica, Xardíns de Méndez Núñez, Praza das Bárbaras, Novo Mesoiro e Praza de María Pita.
Por outro lado, o concelleiro Lema destacou que San Xoán "é un evento que atrae a gran cantidade de persoas á cidade, especialmente da Área Metropolitana e as áreas próximas". "É un turismo de proximidade que queremos que se amplíe, polo que dende o Consorcio de Turismo imos facer un relevante esforzo de promoción, dando a coñecer por distintos medios a singularidade desta festa", dixo Lema, que recordou que, entre outras accións promocionais, a festa de San Xoán xa se publicita a través da compañía aérea Vueling, en base ao convenio coa compañía que opera dende o aeroporto de Alvedro. Por outro lado, haberá cartelería e folletos informativos, así como unha web específica www.sanxoancoruna.es.
Na rolda de prensa, Lema e Sande estiveron acompañados por representantes das compañías escénicas que farán posible as actividades de Ruada das Xoubas, que rematarán as súas actividades cunha gala final na Praza de María Pita na que tamén haberá música, coas actuacións de Lydia Botana, Pablo Díaz e a Banda Tic Tac Toc. En representación do colectivo de creadores e creadoras locais falou Laura Sarasola, de Caramuxo Teatro, que destacou o feito de que nesta edición "a programación familiar vaia a ser levada a cabo por grupos da cidade, tanto artísticos como os que van levar a cabo os obradoiros".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible