Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de decembro de 2016

O Concello esixirá hoxe no Porto que se acepte a solicitude municipal de adquisición dos terreos da Solana "para a súa recuperación para a cidade"

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, censura "o intento de especulación da Autoridade Portuaria, representada no seu presidente, que quere actuar como unha inmobiliaria e non como unha entidade pública". Anuncia que o Goberno local "emprenderá accións legais" no caso de que a proposta de reiniciar a poxa conxunta á alza dos terreos saia adiante

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, compareceu este xoves ante os medios para dar conta da posición do Goberno local fronte á decisión da Autoridade Portuaria, coñecida esta semana a través da prensa, de desatender a solicitude municipal para a adquisición directa dos terreos da Solana "para a súa recuperación ao patrimonio da cidade". Unha decisión que, como salienta Varela, contravén o acordado de forma unánime no Consello de Administración do Porto o pasado 30 de xuño, ao incumprir a suspensión do proceso de enaxenación deste ben e do hotel Finisterre ata o 30 de decembro, tal como se aprobou de forma unánime na sesión. "A Autoridade Portuaria quere, unha vez máis, facer negocio coa cidade da Coruña", censurou o responsable municipal, quen recordou os termos daquel acordo, acadados tras manifestar o Concello o seu interese de adquirir terreos da Solana mediante a fórmula adquisición directa e polo prezo de taxación fixado polo propio Porto, 1,4 millóns de euros. "O que se quere facer hoxe é un acto contrario a outro que foi tomado polo mesmo órgano, e incompatible co proceso de suspensión, polo que, de adoptarse, sería nulo de pleno dereito. Pero ademais, o acordo incluía admitir a trámite a oferta do Concello e pasala polo Consello de Administración, algo que aínda non ocorreu", expuxo o responsable municipal, que avanzou que o Goberno local solicitará esta tarde, no Consello de Administración do ente portuario, a retirada da orde do día da proposta de acordo para reanudar o expediente de enaxenación da totalidade da parcela -onde se inclúe tanto o hotel como A Solana- polo procedemento de poxa e aprobar o prego de condicións da poxa pública á alza, mediante procedemento de presentación de ofertas en sobre pechado. "No suposto de que a proposta da Presidencia da Autoridade Portuaria sexa aprobada hoxe nos termos propostos, o Concello emprenderá as accións legais que procedan para evitar esta inxustiza da que a cidadanía da Coruña é vítima", anunciou o concelleiro, tras censurar a maneira "sorpresiva, unilateral, desleal e opaca" coa que obrou o Porto para vender os terreos. "Para nós, supón un intento da Autoridade Portuaria, representada polo seu presidente, de especular, actuando como unha inmobiliaria e non como unha entidade pública", criticou, e incidiu en que se trata "dunha das bolsas máis importantes de solo na zona litoral e ademais estratéxica, que sería privatizada -unha acción irreversible-, e a cidadanía o que quere é que o solo da cidade non sexa privatizado".

Tal e como fixo notar o responsable municipal, o Concello formalizou e deu cumprimento en prazo á súa proposta para a adquisición directa do solo da Solana, de acordo con todos os requisitos precisos, fixados no Consello de Administración don 30 de xuño, tal e como acordou na Xunta de Goberno local o 21 de outubro e notificou, en tempo,  o 10 de novembro. "A Autoridade Portuaria, unha vez que o Concello cumpriu en prazo co acordado, estaba obrigada a incluír na orde do dia do Consello de hoxe retomar o procedemento de enaxenación da parcela para a súa adxudicación directa ao Concello da Coruña; adxudicación directa que procede legalmente, tal e como consta nos informes xurídicos emitidos no seu momento", fixo notar, advertindo de que, aínda no caso de que a solicitude non estivera completa, o Concello tería ata o 30 de decembro para subsanar calquera posible deficiencia, "xa que o proceso de poxa está suspendido ata esa data". Como tamén puxo de relevo, a Autoridade Portuaria "non ten requirido nada ao Goberno local, senón que o que fixo foi negociar ás agachadas cunha empresa, nunha actitude impropia dun presidente dun ente público, ademais de ilícita, ao noso entender". A este respecto, Varela advirte da "nulidade absoluta do proceso, en caso de continuar cunha poxa da cal xa se sabe e coñece publicamente unha das propostas dos licitadores", tras as negociacións desenvolvidas polo Porto -que, como queda documentado no expediente, derivaron nun acordo no mes de outubro- coa inmobiliaria que actualmente ostenta a concesión para a adquisición dos terreos. Neste sentido, o Concello solicitará tamén na sesión desta tarde a incorporación á acta dun informe da Asesoría Xurídica municipal que conclúe que o acordo, de adoptarse, sería nulo de pleno dereito por non respectar a suspensión de seis meses acordada en xuño.

Como fixo notar o responsable municipal de Rexeneración Urbana, o compromiso do Concello coa adquisición queda demostrado no propio seu proxecto de Orzamentos para 2017, onde se recolle unha partida específica para ese fin polo importe do prezo de taxación do solo da Solana. "A Autoridade Portuaria está a actuar sen a lealdade institucional debida, desprezando o interese xeral da cidadanía, unha deslealdade que se demostra tamén no que está a suceder coa cesión da superficie da Mariña, acordada en abril na xuntanza co presidente de Portos do Estado, e da que a día de hoxe, oito meses despois, o Concello non sabe nada", lamentou igualmente Varela, quen salientou que, pola contra, o Concello "si está a cumprir cos acordos daquela xuntanza, como demostra o pago de 1,6 millóns de euros realizado nos últimos días polas obras do túnel da Mariña, que ao contrario que as obras da superficie consideramos que están en regra". Para o concelleiro, o que está a acontecer cos terreos da Solana "parece anticipar o camiño que quere seguir o presidente do Porto nos peiraos interiores de Batería, Calvo Sotelo e San Diego, como é antepoñer o seu interese económico ao interese xeral e o da cidade".

 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión