13 de marzo de 2025
Os traballos, que arrincarán nos vindeiros días, levaranse a cabo principalmente na rotonda das Paxariñas e no ramal da avenida Alfonso Molina que dá acceso á rolda de Outeiro, en dirección á estación intermodal
Nos vindeiros días, o Concello porá en marcha unha nova quenda de traballos para a renovación do firme na cidade, que nesta ocasión se executará na rotonda das Paxariñas, no ramal de acceso da avenida de Alfonso Molina á rolda de Outeiro -en dirección á estación intermodal- e tamén con dúas actuacións máis reducidas na contorna da fonte de Catro Camiños e na rolda de Nelle.
As obras levaranse a cabo, na súa meirande parte, en horario nocturno, co obxectivo de non dificultar os desprazamentos ao longo da xornada laboral. "Cada intervención deste tipo é analizada e planificada polo miúdo, co obxectivo de lles evitar prexuízos innecesarios ás veciñas e veciños. Neste caso, polos percorridos que son e polos intensos fluxos de mobilidade aos que están expostos, os traballos sobre a calzada levaranse a cabo pola noite para minimizar o impacto que pode ter no día a día da cidadanía, especialmente en termos de transporte", explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
O punto de partida, a rotonda das Paxariñas
Os traballos arrincarán este domingo 16 pola noite no óvalo da rotonda das Paxariñas. Xa a posteriori, os operarios traballarán por fases na contorna da fonte de Catro Camiños -onde se aproveitarán as actuacións para mellorar a súa rede de rega- e o ramal de acceso de Alfonso Molina á rolda de Outeiro.
A isto sumarase outra intervención entre a Falperra e o leste dos Mallos. Será na rolda de Nelle, no seu sector lindeiro coas rúas Ribadavia, Río Sarela e Río Sil, onde se renovará o firme nunha superficie de 550 metros cadrados.
A segunda gran quenda de pavimentado deste 2025 tras a do Paseo Marítimo
Os traballos para renovar o firme previstos en Elviña e Catro Camiños dan continuidade ao cronograma de melloras establecido pola Concellaría de Infraestruturas e Mobilidade neste primeiro semestre de ano.
Neste sentido, o Concello actuou entre xaneiro e febreiro ao longo das Lagoas, a avenida Pedro Barrié de la Maza e tamén en diversos treitos da avenida de Hércules e a estrada de Circunvalación, "espazos do Paseo Marítimo e do barrio de Monte Alto onde era necesario actuar sobre a calzada atendendo ao fluxo diario de tráfico rodado e tamén á progresiva erosión do aglomerado", razoou Noemí Díaz.
Nesa primeira quenda de traballos, o investimento destinado polo Goberno de Inés Rey ás actuacións foi de case 400.000 euros. Agora, destinaranse outros 100.000 para sufragar as melloras nas Paxariñas e no vial de acceso de Alfonso Molina á rolda de Outeiro.
21 de marzo de 2025
16 de marzo de 2025
17 de febreiro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible