12 de maio de 2016
O alcalde, Xulio Ferreiro, e o presidente do Porto coruñés, Enrique Losada, asinaron un protocolo que, entre outras cuestións, establece a creación dunha comisión de seguimento para solucionar calquera dúbida sobre os dereitos e obrigas de cada administración
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinou esta mañá, co presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, un convenio de colaboración entre Concello e Porto coruñés de cara á realización da regata Tall Ships Race, que recalará na cidade entre os días 11 e 14 de agosto. No Pazo de María Pita, ambas institucións públicas acordaron regular as relacións que manterán de cara a organización do evento, que fará que durante unhas xornadas o municipio “sexa punto de mira internacional a nivel deportivo”, así como realizar un seguimento do cumprimento do protocolo mediante a creación dunha comisión específica para tal obxecto.
Deste xeito, o Porto autoriza ao Concello a facer uso, sen custo algún, das superficies terrestres da súa titularidade necesarias para desenvolver a actividade (situadas concretamento no ámbito dos peiraos de Transatlánticos, Batería e Calvo Sotelo) entre o 1 e o 16 de agosto. A autorización de uso destas zonas portuarias, segundo se estipula no convenio, “abranguerá a instalación de carpas e casetas desmontables para a localización de centros deportivos, recintos de recepción, salas de exposicións, stands de empresas, oficinas, elementos audivisuais, colocación de cateris publicitarios”, e calquera outras instalación que, a xuízo da Administración local, fose precisa para o desenvolvemento da regata.
Igualmente, a Autoridade Portuaria autorizará a atracada dos barcos da Tall Ships Race e a subministración de combustible aos mesmos, mediante camións cisterna, así como tamén dará o visto e prace a instalación de duchas, aseos e servizos de lavandería que sexan de uso exclusivo das tripulacións. O Concello asumirá a execución e aboamento das instalacións de acometida das redes de saneamento de auga e enerxia eléctrica que fosen precisas para facilitar eses subministros.
Do mesmo xeito, a Administración municipal farase cargo da seguridade das zonas portuarias cuxo uso se autoriza, así como a limpeza das zonas e a recollida de lixo procedente de frota de barcos atracados participantes na regata.
Co obxectivo de garantir que Concello e Porto cumpran coas responsabilidades estipuladas, ambos organismos acordaron tamén que comisión de seguimento que se creará estará integrada por dous representantes de cada unha das entidades.

26 de novembro de 2025

18 de novembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible