19 de decembro de 2016
Os municipios destinarán, nos próximos tres anos, máis de 2 millóns de euros á posta en marcha desta ferramenta dixital baseada nos datos abertos, participación e transparencia
O Concello da Coruña vén de asinar, xunto a Santiago de Compostela, Madrid e Zaragoza, o convenio para a posta en marcha do proxecto 'Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperable', unha das propostas gañadoras da II convocatoria do programa 'Ciudades Inteligentes de la agenda digital para España' convocado polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. O obxectivo desde convenio de colaboración, que se enmarca na transformación das localidades cara o ideal de municipios intelixentes e sustentables e cuxa inversión ascende a 2.090.461 euros, --financiados por red.es e os propios concellos, nun 60% e 40%, respectivamente--, é o desenvolvemento pleno das políticas de Goberno Aberto nas cidades participantes, baseado en avances tecnolóxicos dos datos abertos, a participación cidadá e a transparencia, tendo como piar a colaboración, reutilización da información e interoperabilidade.
Así, a iniciativa conxunta 'Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperable', que terá unha duración de tres anos, susténtase sobre tres eixos de acción, comezando polos datos abertos e a creación de infraestrutura tecnolóxica e establecemento dun conxunto de datos común, xeración de documentación e exemplos de uso. O seguindo bloque refírese á área de participación, na que se potenciarán as propostas cidadás, incluíndo o deseño de procesos de participación, desenvolvemento e implantación de software de xestión de propostas, software de votación, sistema de xestión de votacións, difusión e avaliación do proceso. Por último, a terceira liña de acción oriéntase cara a transparencia, coa creación de portais enlazados con datos abertos, procesos participativos para a definición de de indicadores.
Dentro do proxecto levaranse a cabo servizos que favorezan a participación da cidadanía na toma de decisións de cada Concello a través dunha plataforma que poida desenvolverse para acadar obxectivos tales como o aforro e mellora da eficiencia na xestión de prestación de servizos públicos, impulsar a participación cidadá mediante as novas tecnoloxías e proxectos de carácter innovador para cada unha das cidade ou fomentar a interoperabilidade con distintas administracións e axentes ou promover o acceso transparente e universal aos datos públicos --tanto para a súa consulta como reutilización-- tanto por parte da veciñanza como de visitantes, profesionais ou empresas. Entre as actuacións previstas, tamén se espera a creación de espazos tecnolóxicos que permitan o desenvolvemento de proxectos cooperativos e innovadores que faciliten o intercambio de boas prácticas e o uso compartido de ferramentas tecnolóxicas ou impulsar métricas para a medición da satisfacción cidadá e das persoas visitantes na redución de custos e diminución de cargas administrativas.
O convenio asinado esta mañá nútrese da aposta decidida dos catro concellos participantes para crear unha rede de colaboración que permita que as experiencias de cada un poidan servir como punto de partida para o resto de cidade e, a súa vez, poiran deseñar en común servizos e procesos, indicadores para a avaliación continua da Plataforma, xestión de datos, transparencia e participación, así como o uso de estándares, normalización de vocabularios e estruturas de información. Todo o traballo realizado, tanto a metodoloxía como a tecnoloxía desenvolvida e implementada, poderá aproveitarse a súa vez para comunicar e formar sobre estes novos procesos e servizos. Por último, os municipios comprométense a fomentar e intercambiar as boas prácticas neste eido e a facer unha avaliación continua do propio convenio.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible