Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de marzo de 2021

O Concello garantirá a accesibilidade total a tres praias da cidade desde este verán

A concelleira de Medio Ambiente explicou en Oza que as persoas con diversidade funcional non se toparán con barreiras neste areal así como no de Riazor e Santo Amaro despois dunha actuación que incluirá a mellora dos paseos lindeiros, a das entradas e do equipamento, así como a habilitación de prazas de mobilidade reducida

A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, visitou este mediodía a praia de Oza, en que se garantirá a accesibilidade de toda a poboación desde este verán despois dunha actuación que suporá melloras nos paseos lindeiros e no equipamento e entrada deste areal e mais de Riazor e Santo Amaro. Recordou que o Concello traballa coa Fundación María José Jove e cos principais colectivos de persoas con diversidade funcional da cidade: COGAMI, GRUMICO, ONCE e AXPG co fin de supervisar o proxecto con eles e que nos poidan iluminar canto ao que precisan os servizos: "O Goberno de Inés Rey é sensible e busca que non haxa barreiras non só nas praias, tampouco nos parques e nas rúas. A mobilidade da que fala a alcaldesa é sustentable e igualitaria. É unha mobilidade integradora". A concelleira sinalou que a actuación, que se levará a cabo en catro meses e que forma parte da Estratexia DUSI, diríxese do mesmo xeito ás persoas maiores, que igual que as que teñen diversidade funcional necesitan pasarelas, baños e duchas adaptadas que sexan facilmente utilizables.

As actuacións en Riazor, Santo Amaro e Oza suporán un primeiro paso de cara a avanzar nesta liña e dividiranse en dous lotes. Nun primeiro melloraranse os paseos lindeiros co obxecto de garantir a súa accesibilidade e nunha segunda fase atenderanse as necesidades das persoas usuarias dos areais canto a equipamento e espazos transitables. Desta forma, instalaranse prazas de mobilidade reducida para que a veciñanza que o necesite aparque ao carón das tres praias e axeitaranse os tramos que hai desde eses aparcamentos até as praias: "Aquí en Oza estabilizarase o paseo para que poidan pasar as persoas en cadeira de rodas". As persoas que opten por este areal disporán de prazas para deixar o coche no Puntal, onde tamén haberá unha zona de transferencia que permitirá a baixada a Oza en cadeira de rodas. O punto de accesibilidade estará situado no centro da praia e en Santo Amaro colocarase nun extremo preto do Club do Mar, xa que o desnivel é nese lado moito menor.

Alí tamén se habilitarán prazas de mobilidade reducida, que se sumarán a outras máis, localizadas xunto á caseta de socorrismo. En Riazor, o punto de accesibilidade estará no acceso que está á altura da rúa Eduardo Pondal, onde se reservará un espazo para que estacionen as persoas con diversidade funcional. Ademais, as tres praias contarán con duchas, aseos, hamacas e andadores adaptados e mais con cadeiras e muletas anfibias. En Oza disporase a maiores dunha fonte adaptada, unha pérgola de sombra e un guindastre de transferencia para lle facilitar ao persoal de socorrismo o cambio da cadeira de rodas á cadeira anfibia das e dos veciños que así o soliciten.

Aproveitaranse as pasarelas de madeira cunha parte fixa en verán ás que se lle esmaltarán os bordos para poder localizalas máis fácil e lles engadirán unha pasarela de poliéster desmontable na zona intermareal, que completarán o camiño até a auga.

Cun orzamento de 125.000 euros de execución material, o proxecto enmárcase dentro da Estratexia EidusCoruña, que está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do eixe de desenvolvemento urbano do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. A edila asegurou que contan coa colaboración das asociacións, "que nos fan ver cuestións que a simple vista poden pasar desapercibidas e que son necesarias". As súas suxestións, afirma, aplicámolas tamén nas hortas urbanas, nos xardíns e nos barrios porque "a alcaldesa ten moi claro que esta é unha cidade para ser paseada por todas e todos".

Un dos impulsores, Fran Carreira, asesor de Grumico na área de accesibilidade, afirmou que o avance fará que este verán teñamos alternativas, con prazas reservadas para aparcar: "Son cambios que a priori non se ven e que axudan a máis xente do que parece".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión