Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de agosto de 2016

O Concello habilitará seis aparcadoiros disuasorios e un servizo lanzadeira ao centro da cidade para facilitar a mobilidade da cidadanía durante a Tall Ships Races

O Búho circulará os días 12 e 13 cunha frecuencia de 30 minutos e nas horas en punto transitará no sentido inverso ao habitual para reducir o tempo de espera

O Concello da Coruña, a través da Concellería de Mobilidade Sostible, informa de que, do 11 ao 14 de agosto, co gallo da celebración na cidade da regata de grandes veleiros The Tall Ships Races, porá en marcha un dispositivo especial de tráfico para facilitar o tránsito da veciñanza e visitantes. Así, o Goberno local habilitará, ademais do existente en Lonzas, cinco novos aparcadoiros disuasorios á entrada da cidade, que contarán cun servizo de buses lanzadeira desde os mesmos para trasladar ás e aos usuarios ata o centro da cidade. As zonas contempladas con esta finalidade estarán situadas no Birloque; o estacionamento do Coliseum e a rúa José Vázquez Rozas; e no Campus de Elviña e a rúa Aurelio Aguirre Galarraga.

Os seis aparcadoiros ofrecerán o servizo lanzadeira ao centro da cidade, con destino á Mariña, desde as catro da tarde ata as doce da noite cunha frecuencia de 20 minutos - con saídas ás horas en punto, a e vinte e menos vinte - nos días 11, 12 e 13, xa que os veleiros zarparán na mañá do domingo 14. En concreto, os vehículos chegarán á rúa Ambrosio Feijoo, situada xunto a zona de amarre dos veleiros e punto único de acceso ao Porto durante a celebración. Deste modo, este reforzo do transporte público complementará o servizo que xa de por si ofrecen as liñas de autobús que habitualmente circulan nestas zonas ou que contan con paradas próximas aos aparcadoiros temporais, como son as liñas 1A, 5, 20, 21, 22, 23, 23A, 24 e UDC.

Mentres que as liñas 1A e 20 contan cunha parada en Matogrande, próxima ao Coliseum, o itinerario da liña 5 transcorre nas cercanías de ata cinco dos estacionamentos, como son o de Lonzas, Birloque, José Vázquez Rozas, Aurelio Aguirre Galarraga e Coliseum. As liñas 21 e 23A darán servizo no seu percorrido aos aparcadoiros do Birloque e Lonzas, ao igual que a 23, que tamén se achega ao Coliseum.

Pola súa banda, as dúas liñas que teñen a praza de Pontevedra como cabeceira, 22 e 24, contan con paradas próximas ao Coliseum, José Vázquez Rozas e Aurelio Aguirre Galarraga. Por último, a liña UDC dará servizo ás e os usuarios que estacionen os seus vehículos no Coliseum e Campus de Elviña, así como nas rúas José Vázquez Rozas e Aurelio Aguirre Galarraga.

Ademais do reforzo diurno coa aplicación do servizo lanzadeira, o Goberno local tamén aumentará a frecuencia do transporte público no seu horario nocturno. O búho circulará nas noites dos días 12 e 13 cunha frecuencia de 30 minutos, saíndo do Obelisco na súa primeira viaxe ás 00.00 horas, e circulará, ás horas en punto, en sentido inverso ao habitual, reducindo así o termpo de percorrido para o regreso aos domicilios. Deste xeito, as persoas que residan en Riazor, Labañou, Ronda de Outeiro, Mallos, Pablo Picasso e Birloque poderán empregar, preferentemente, o itinerario habitual, mentres que as que volvan cara Catro Camiños, Os Castros, Castrillón, Monelos poderán facelo na ruta que percorre o sentido inverso. A última saída do servizo nocturno desde o Obeliso será ás 04.30 horas.




 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión