Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de marzo de 2024

O Concello habilitará un novo espazo de calistenia na praza José Toubes, que se sumará ao skatepark e pista multideportiva xa existentes

Desta forma, o Goberno de Inés Rey avanza na creación de novas infraestruturas para a cidadanía no barrio de Catro Camiños

O Concello da Coruña acometerá nas vindeiras semanas as obras de construción dunha nova área para a práctica de calistenia na praza José Toubes Pego, no barrio de Catro Camiños.

Este espazo, de nova creación, complementa as dotacións deportivas xa habilitadas polo Goberno de Inés Rey baixo o viaduto de Alfonso Molina, onde a mediados do ano pasado abriuse ao público unha pista de skate e outra pista multideporte no sector que está fronte á igrexa de San Pedro de Mezonzo.

A estas dúas infraestruturas sumarase proximamente outra máis: unha área de calistenia coa que o Concello busca ampliar a oferta deportiva en José Toubes, recuperando espazos públicos co obxectivo de crear novos puntos de ocio e lecer para a cidadanía. No caso da área de calistenia, a súa localización será no sector norte da praza, nun punto que actualmente é un espazo de lecer e descanso no que hai un círculo central de céspede (o antigo areeiro) que será agora recuperado para a práctica deportiva.

Nesta superficie está prevista a instalación de novos equipamentos para o exercicio ao aire libre cos que as persoas usuarias poderán practicar actividade física usando o seu propio peso corporal. A este respecto, habilitaranse diversos circuítos de adestramento de fortalecementos muscular, con estruturas combinadas que inclúen barras de monkey-swing, un banco de abdominais inclinado e barras para o exercicio de tríceps. Tamén haberá estruturas de barras paralelas, para flexións e push-ups.

Cómpre destacar, ademais, que o novo espazo para a práctica deportiva de calistenia estará delimitado de tal forma que, á súa esquerda, manteranse os percorridos peonís necesarios para acceder á área de lecer, onde tamén se instalará novo mobiliario urbano, con tres bancos situados fronte á área de calistenia.

O prazo de execución das obras, a contabilizar desde a súa posta en marcha, será de catro meses. O investimento previsto polo Concello é de máis de 46.000 euros.

Avanza o plan para reforzar as infraestruturas deportivas nos barrios

As estruturas que incorporará o novo espazo de calistenia na praza José Toubes serán semellantes ás xa dispostas polo Goberno de Inés Rey nas áreas de calistenia da praia de Oza e a rúa Alcalde Jaime Hervada, no Ventorrillo -abertas durante o pasado mandato- e a primeira que se habilitou no Barrio das Flores, inaugurada o pasado verán na contorna do pavillón polideportivo municipal.

"O noso obxectivo é que cada barrio da Coruña dispoña das infraestruturas deportivas necesarias para o uso e gozo da cidadanía. Falamos dun plan progresivo, no que paso a paso se irán atendendo as demandas específicas de cada distrito, escoitando ás veciñas e veciños, e valorando as necesidades ou suxerencias das persoas usuarias", incidiu a alcaldesa, Inés Rey.

A este respecto, cómpre lembrar que o Concello tamén está a executar a creación dun pequeno espazo biosaludable na praza do Parque, no sector leste do barrio de Monte Alto, onde aproveitando as melloras na área de xogos infantís estase a habilitar unha nova área para a práctica deportiva e exercicio físico moderado, ideada para as persoas maiores.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión