Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de novembro de 2018

O Concello impulsa a construción dunha residencia para maiores na cidade coa cesión á Xunta dunha parcela en Eirís “na que se levantará un equipamento que ten vocación de servir ás xentes da Coruña e de toda a área”

O alcalde, Xulio Ferreiro, destacou, na firma do convenio de cesión do terreo coa conselleira de Política Social, Fabiola Martínez, a vocación metropolitana dun equipamento “que demostra a vontade do goberno local de chegar a acordos sempre que se poñen ás persoas por diante das institucións”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinou esta mañá o convenio de colaboración entre o Concello e a Consellería de Política Social mediante o cal a administración local cédelle á Xunta de Galicia, de forma gratuíta e sen cargas fiscais, unha parcela para a construción dunha residencia pública para persoas maiores en situación de dependencia. O terreo, de 8.026 metros cadrados, está situado no parque Eirís-Tras do Hospital. Neste espazo, en cuxa contorna se atopan as instalacións do Chuac, poderase construír unha residencia cunha capacidade para 150 persoas.

"Hoxe é un día importante para a cidade e a súa área metropolitana, porque nace, froito da colaboración institucional, un equipamento con vocación de servir, non só á cidade, senón a un territorio máis amplo que o puramente municipal", sinalou o alcalde, quen salientou que o goberno local "sempre estará disposto a aumentar as dotacións sociais da cidade e traballar polo ben da cidadanía da Coruña e a súa contorna". "Desde o executivo municipal queremos dar alternativas no coidado dun sector que cada día ten un maior peso demográfico das cidades, e desde logo facelo en condicións de igualdade, equidade e cohesión social. Queremos que as persoas estean ben atendidas, independentemente da súa condición social ou económica", afirmou Ferreiro ao remate do acto de sinatura celebrado no Pazo de María Pita, no que tamén participou a  conselleira de Política Social, Fabiola Martínez, e no que tamén estiveron presentes a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, e o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela. "Hoxe damos un paso no bo camiño. Esta sinatura é unha proba máis de que se hai vontade, e de que se as persoas se poñen por diante das institucións, é posible chegar a acordos", aseverou o alcalde. "O Concello da Coruña sabe e pode chegar a acordos. Vémolo hoxe coa Consellería de Política Social, coa que puidemos consensuar a localización e as condicións do convenio, e tamén o puidemos ratificar esta mesma semana, na que se inaugurou de forma oficial a residencia para universitarias Elvira Bao, que nace da colaboración leal entre Deputación, Concello e Universidade", apuntou o rexedor.

O convenio, que entrará en vigor mañá, terá unha duración de catro anos e establece que as instalacións que se levanten sobre o terreo municipal deben manter sempre a finalidade do uso, como é a creación dunha residencia para persoas maiores. De non ser así, a parcela será revertida ao Concello. O texto tamén sinala que, tal e como é habitual neste tipo de convenios establecerase unha comisión mixta de seguimento do mesmo, conformada tanto por representantes do Concello como da Consellería. Pola súa banda, Fabiola Martínez tamén destacou a consecución dun acordo "desde o diálogo, a coordinación e a cooperación para o beneficio das galegas e galegos". A conselleira avanzou que o novo centro público contará" cunha unidade psicoxeriátrica que atenderá dunha forma máis especializada ás persoas que padecen Alzheimer e outro tipo de patoloxías".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión