27 de marzo de 2022
O Centro Sociocultural Ágora, o Fórum Metropolitano e os centros cívicos de Mesoiro e Os Mallos acollerán un total de cinco sesións entre os días 31 de marzo e 8 de abril
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio Ambiente e Sostibilidade, porá en marcha a vindeira semana Circularízate, unha campaña formativa e de sensibilización ideada para achegar os principios da economía circular á cidadanía para que, posteriormente, sexan postos en práctica no fogar e tamén nos nosos hábitos diarios.
Circularízate desenvolverase entre os días 31 de marzo e 8 de abril entre o Centro Sociocultural Ágora, o Fórum Metropolitano e os centros cívicos de Mesoiro e Os Mallos. A iniciativa abrangue un total de cinco sesións e cada unha consta de dous módulos: o primeiro, unha aula formativa, de 45 minutos de duración, na que as persoas asistentes poderán aprender a aplicar os principios de sostibilidade, recuperación e reutilización da economía circular que son susceptibles de aplicarse na vida cotiá; e, a continuación, poderán participar nun obradoiro demostrativo con técnicos e artesáns que amosarán múltiples xeitos de reparar mobles ou recuperar roupa en desuso.
As sesións levaranse a cabo os seguintes días:
Xoves 31 de marzo (17.30 horas), no Fórum Metropolitano: Aula formativa e obradoiro téxtil.
Venres 1 de abril (17.30 horas), no Centro Sociocultural Ágora: Aula formativa, obradoiro téxtil e obradoiro de mobles.
Martes 5 de abril (17.30 horas), no Centro Cívico dos Mallos: Aula formativa e obradoiro téxtil.
Xoves 7 de abril (17.30 horas), no Centro Cívico de Mesoiro: Aula formativa e obradoiro de mobles.
Venres 8 de abril (17.30 horas), no Centro Sociocultural Ágora: Aula formativa, obradoiro téxtil e obradoiro de mobles.
A Concellaría de Medio Ambiente ofrece un mínimo de 15 prazas por obradoiro e un máximo de 30. As actividades están abertas a todo o público, sempre con inscrición previa a través desta ligazón e atendendo ás normativa sanitaria vixente.
Circularízate é unha iniciativa recollida dentro da campaña propulsada polo Concello da Coruña co gallo da Semana Europea para a Prevención de Residuos, que impulsa a creación de actividades de sensibilización desde as Administracións públicas para fomentar hábitos como a reciclaxe e a reutilización de produtos.
Tamén che pode interesar
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible