6 de setembro de 2018
O alcalde e o reitor asinaron o convenio que formaliza a colaboración nesta área, así como dous acordos máis sobre a investigación dos efectos da crise no urbanismo da cidade e a subvención das tarifas de autobús urbano para os e as estudantes da universidade
O alcalde, Xulio Ferreiro, asinou esta mañá co reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Albalde, un convenio para a definición dunha estratexia de innovación económica que analice os recursos e capacidades dos concellos da Área Metropolitana neste eido e identifique as súas liñas de actuación potenciais, co obxectivo de "contribuír á dinamización económica da comarca e á creación de emprego nos sectores que permiten construír unha cidade próxima, inclusiva e sostible". Como salientou Ferreiro, este estudo forma parte do proceso de construción da Área Metropolitana da Coruña, na que é clave xerar coñecemento e diagnoses que teñan en conta ao conxunto dos concellos da área para contar así cunha base con información real e axustada ás necesidades de crecemento e coordinación dos concellos e sobre a que desenvolver estratexias conxuntas.
A aposta da Mesa dos Alcaldes e Alcaldesas pola innovación materialízase tamén na constitución dun grupo de traballo específico sobre esta materia e segue a liña da aposta do Concello da Coruña por unha economía baseada na investigación e a apertura de novos espazos que atraian talento. "A innovación, que é tamén eixe central do plan de industrialización 4.0 que presentaremos proximamente e está nas súas últimas fases de elaboración, pasa sen dúbida, como tantas outras cousas, polo gran debate ao que se enfronta esta cidade hoxe: a recuperación do bordo litoral e o impulso, nos terreos de San Diego, do que nós chamamos Distrito do Mar, un polo de investigación e actividade económica innovadora vinculada ás economías verde e azul", relacionou o alcalde, quen aproveitou para agradecer ao reitor que, "dende o primeiro minuto, entendese a importancia de que a UDC estivese presente no xurado do concurso de ideas" que o Concello convocou este verán e aceptase formar parte do xurado. O convenio, quen ten unha vixencia dun curso e unha aportación económica do Concello de 70.000 euros, dá continuidade tamén á distinción de Cidade de Ciencia e Innovación que foi outorgada pola Secretaría Xeral de Ciencia e Innovación á Coruña e que se renovou en xullo de 2016. A súa elaboración contará cunha fase de diagnose, na que se identificarán as fortalezas e debilidades do Concello, as barreiras económicas, de infraestruturas, legais e de talento existentes e na que se elaborará tamén unha identificación das posibilidades de diversos sectores económicos en relación coa aplicación das novas tecnoloxías. O seguinte paso será a elaboración de liñas estratéxicas e a rede de colaboración entre concellos que salven as limitacións identificadas.
A colaboración entre Concello e UDC ampliouse tamén ao eido da rexeneración urbana mediante o segundo dos convenios asinados hoxe. A administración local colabora no curso de verán Empty Coruña? --que se leva a cabo estas semanas e que terá continuidade no futuro-- para analizar "até onde nos trouxeron décadas de especulación urbanística e e desleixo institucional á hora de facer cidade". O curso, que entre outros resultados recollerá o seu traballo nunha publicación, servirá para facer unha diagnose dos efectos da crise na área urbana da Coruña, na que, como lembrou o alcalde, existen "produto dos anos de desenfreo da burbulla urbanística 20.000 vivendas baleiras e 450 inmobles completos deshabitados mentres hai demasiados veciños e veciñas con dificultades para acceder a unha casa". "Un modelo que vimos cambiando nos últimos tres anos cun urbanismo máis sensible e respectuoso que está tentando pouco a pouco corrixir os desmáns do pasado e iniciar un ciclo baseado no dereito á cidade e o dereito á vivenda como núcleo das políticas urbanísticas e da rexeneración do espazo público", defendeu o responsable municipal. O últimos dos acordos asinado esta mañá dá continuidade á subvención municipal de parte das tarifas do autobús urbano para estudantes da Universidade da Coruña. Trátase dun convenio de catro anos de vixencia polo que os e as alumnas da institución pública poidan pagar unha tarifa de 30 céntimos coa tarxeta de transporte urbano Millennium. Esta bolsa, que convoca a UDC, beneficiará a 2.200 estudantes durante o presente curso.
O alcalde e o reitor constituíron tamén a comisión de seguimento do convenio marco de colaboración entre as dúas institucións que asinaron o pasado mes de decembro e que entra dentro dunha dinámica de cooperación que foi destacada tanto por Ferreiro como por Abalde. Así, o rexedor cualificou á Universidade de "grande aliada" na tarefa de facer da Coruña "un lugar mellor para vivir, para traballar e para crear e redistribuír riqueza e coñecemento". "A UDC é un polo fundamental do coñecemento da cidade, de atracción de capital humano e xerador de ideas. O Concello non dubida en recorrer á UDC como base do seu coñecemento, unha maneira tamén de poñer en valor a nosa educación pública", salientou. Pola súa banda, Abalde amosou a intención da institución de "poñer os nosos mellores coñecementos" para desenvolver estratexias e accións que supoñan o avance da sociedade. "A universidade é unha aliada en todo aquilo que signifique o desenvolvemento baseado na innovación e na modernidade para conseguir unha sociedade máis igualitaria e que mire cara ao futuro e que se preocupe dos problemas reais da cidadanía", afirmou.
Porto
O responsable municipal referiuse tamén durante a comparecencia ao Consello de Administración da Autoridade Portuaria da Coruña que se celebrou na tarde de onte e sobre a que lamentou que "o PP a utilice como brazo político do seu partido". "Non houbo interese por buscar consensos co Concello, non houbo ningún interese por especificar que a condonación da débeda que, evidentemente apoiamos, tiña que servir para revisar os convenios urbanísticos e para non vender os terreos portuarios. Non houbo ningunha intención de apostar pola fórmula de colaboración do consorcio e nós o camiño que levamos é o de intentar levar para adiante co Goberno do Estado estes obxectivos: a revisión dos convenios, o tren a punta Langosteira, a constitución do consorcio e a condonación da débeda ou as medidas equivalentes que permitan non vender os terreos portuarios", indicou. Ferreiro, que manifestou o seu pesar por que os representantes do Estado non acudiran onde ao Consello, agarda que "nos próximos días o Goberno de España dea pasos adiante e signos claros de que hai unha aposta por lograr estes obxectivos". Ademais, Ferreiro considerou que o acordo aprobado onte a iniciativa do presidente da APAC "é incompleto, insuficiente e excluínte doutras posturas". "Pedimos á APAC e á Xunta de Galicia que se sumen ao clima de diálogo que hai establecido nestes momentos e que non tenten usar este asunto como un ariete contra o Goberno de Pedro Sánchez. Non vexo ningún interese no PP en acadar ningunha solución sobre este asunto, só de crear bronca política", rematou.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible