Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de marzo de 2018

O Concello impulsará a reforma do mercado de Santa Lucía, que tamén contará cun centro cívico, logo de que a Xunta descartase as tres ubicacións municipais ofrecidas para albergar un centro de saúde para a zona

O alcalde, Xulio Ferreiro, lamenta que o Sergas desbotase todas as opcións ofrecidas polo goberno local para mellorar o espazo sanitario de Federico Tapia e indica que, non obstante, “o goberno local segue disposto a colaborar na busca de calquera outra solución, que sirva para prestar mellor servizo á cidadanía da Coruña”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, indicou este mércores que o Concello impulsará a reforma do mercado de Santa Lucía, que contará cun espazo destinado a un novo centro cívico municipal, logo de que a Xunta de Galicia desbotase todas opcións ofrecidas polo goberno local para acoller un novo espazo sanitario para a zona centro da cidade que dese alternativa ao de Federico Tapia. O rexedor indicou, non obstante, que "a vontade de colaboración municipal segue adiante". "Onte mesmo comuniqueille ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, que o Concello segue disposto a colaborar na busca de calquera solución que mellore os servizos que se prestan nesta cidade. Pese a que non nos corresponde nin é a nosa obriga, estamos abertos a estudar calquera fórmula de colaboración", dixo, á vez que puxo a disposición a colaboración municipal se se optase por adquirir unha parcela de titularidade privada para albergar este necesario equipamento do Sergas.

O rexedor cualificou de decepción que ningunha das tres parcelas postas a disposición do Sergas (nin a da Falperra, nin a contigua ao mercado de Santa Lucía nin a do Paseo das Pontes) fose do seu agrado, por distintos motivos. "Creo que as opcións que se lle deron melloraban o servizo de Federico Tapia, pero eles non o entenden así", dixo o primeiro edil. "Temo que, unha vez máis, o interese do Partido Popular pesase máis que o interese do Sergas e da cidade da Coruña", reflexionou, á vez que subliñou que "o propio conselleiro Almuíña recoñeceu o espírito de colaboración que tivemos en todo este proceso". "O mesmo carácter cooperativo que, por outro lado, se tivo e se está a ter noutros asuntos, como coa Intermodal, asumindo a construción dun parking, coa entrada dos buses metropolitanos, coa cesión de solo municipal para o futuro centro educativo de Novo Mesoiro ou para a residencia de maiores en Eirís anunciada pola Xunta", recordou. "O ánimo de colaborar para que a cidade teña mellores equipamentos sempre está presente por parte do Concello, pero amosamos a nosa decepción porque esa vontade non sempre é recíproca", manifestou.

Por outro lado, "e unha vez que o Sergas descartou a opción de ubicar o centro de saúde no espazo que o Concello lle ofrecía en Santa Lucía", o goberno local tomou a determinación de "impulsar e rematar o proxecto técnico que levaba meses parado á espera dunha resposta por parte da Xunta e que posibilitará a reforma do mercado e a inclusión dun equipamento municipal dinamizador para o barrio, como é un centro cívico". "Desbotada xa esta posibilidade, pediremos ao arquitecto encargado do proxecto técnico, Manuel Gallego, que remate canto antes para poder iniciar as obras á maior brevidade", dixo.

A este respecto, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, indica que, se non se produce ningún incidente, as obras en Santa Lucía poderían comezar contra final de ano, tendo en conta que o prazo para rematar a redacción do proxecto, unha vez se retome, ronda os tres meses. "Despois diso, restaría aprobar o proxecto con todos os informes preceptivos e proceder a activar o proceso de licitación do contrato de obras", indicou, á vez que recordou que "a partida para poder levar a cabo a reforma do mercado xa está contemplado nos orzamentos deste ano".

O Concello ten xa encargados os traballos de redacción do proxecto básico e dirección de obra por un prezo de máis 180.000 euros. O orzamento previsto en distintas anualidades para a reforma do mercado sobrepasa por 3,9 millóns de euros, sendo o reservado para o equipamento municipal (espazo que se ofreceu nesta ubicación para o centro de saúde) de 2,4 millóns de euros. Para este 2018, o Concello dispón para para Santa Lucía de 750.000 euros.

Nostián

Por outro lado, o alcalde referiuse á sentenza do xulgado do contencioso administrativa número 4 que admite o recurso de lesividade presentado polo Concello e anula o acordo de 2011 polo que se lle recoñecía a Albada o dereito a percibir cada ano unha compensación económica polo desequilibrio económico que aseguraba padecer. "O Concello tivo unha estratexia xurídica correcta neste tema e así o estamos a ver. Para nós trátase dunha boa nova, xa que elimina un acordo que se tomou nos últimos anos do goberno bipartito e que entendemos que era lesivo para a administración local, non obstante, acollemos a noticia con prudencia xa que é unha sentencia de primeira instancia que aínda estamos a valorar", indicou.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión