Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de xullo de 2023

O Concello incorpora melloras á ‘App Coruña’, que xa permite pagar recibos municipais co móbil

A nova versión introduce información sobre os buses interurbanos, melloras no servizo de suxestións ou un planificador de rutas pola cidade

A aplicación móbil 'App Coruña' que xa está dispoñible en sistemas Android e iOS actualízase á súa versión 1.16.1, na que se inclúen numerosas melloras para as persoas usuarias. Con esta aplicación a cidadanía pode acceder á gran maioría dos servizos municipais desde o seu móbil. Pódese consultar información en tempo real sobre o tráfico, os autobuses, BiciCoruña ou a axenda cultural. Tamén é posible consultar datos persoais como impostos, recibos ou préstamos bibliotecarios.

Os contidos da aplicación pódense personalizar en función das preferencias de cada persoa usuaria, que só necesitará as súas credenciais de acceso ao perfil municipal para dispoñer de diferentes servizos. A aplicación é moi intuitiva, con iconas de gran tamaño e menús organizados por áreas. Unha vez introducido o perfil persoal do Concello, a información organizarase en diferentes temáticas para facilitar a navegación.

As novidades desta versión, xa dispoñible, son a consulta de información de traxectos de autobuses metropolitanos e interurbanos, un planificador de desprazamentos pola cidade andando, en bus, en bicicleta ou en coche; melloras no módulo de presentación de suxestións e reclamacións, melloras no envío de notificacións informativas ou alertas de chegada do bus urbano á parada ou melloras na visualización de información de dispoñibilidade de bicicletas de BiciCoruña e nova información útil para as persoas usuarias do servizo. Ademais, outra das grandes novidades de 'App Coruña' é a inclusión dun novo método de pago de recibos ou impostos dende a propia aplicación. As persoas interesadas en empregalo só precisarán ter unha tarxeta bancaria e autorizar o pago na súa entidade, se é preciso.

"Con estas melloras, a cidadanía ten cada vez máis ao alcance da man os servizos que ofrecemos desde o Concello", indicou Nereida Canosa, concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas. Servizos como BiciCoruña están totalmente integrados nesta aplicación e permiten a reserva e o desbloqueo de bicicletas, así como novas funcións, como un planificador de rutas. Por outra banda, tamén hai información en tempo real do servizo de transporte urbano e moi pronto se integrará na aplicación o novo sistema de pagamento do billete do bus con código QR.

Múltiples usos

A aplicación conta con outras seccións de utilidade para a cidadanía, como un visor do estado do tráfico en tempo real, as incidencias e cortes por días ou mapas cos servizos esenciais da cidade. Tamén inclúe información sobre os distintos procesos selectivos que convoca o Concello, coa posibilidade de subscribirse a un servizo de alertas para estar informado/a de calquera novidade. Na aplicación está integrado o novo Sistema de Suxestións e Reclamacións, que permite crear incidencias, achegar imaxes e facer un seguimento do proceso de tramitación.

O Goberno de Inés Rey investiu 164.000 euros, cofinanciados a través de fondos europeos FEDER, na creación desta aplicación. "O noso obxectivo é continuar a mellorar esta ferramenta e que cada vez chegue a máis coruñeses e coruñesas para poder facilitarlles o seu día a día", sinalou Canosa.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión