27 de xullo de 2026
Modificarase o pavicéspede por pavimento continuo e incorporaranse prazas de aparcamento na contorna. Manterase a solución de accesibilidade dos bloques 2, 4 e 6 por ser a única compatible coa normativa
A alcaldesa reuniuse cunha representación dos veciños para presentar o informe técnico elaborado tras a visita ás obras
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, mantivo esta mañá un encontro con representantes da rúa Tomás Fábregas, do grupo de vivendas de María Pita, onde o Concello está a executar un investimento superior aos 800.000 euros para a mellora e rehabilitación da contorna. O encontro dá continuidade ao proceso de diálogo iniciado o pasado mes de xuño, cando o Concello recibiu un escrito da veciñanza solicitando revisar distintos aspectos da actuación.
Tras a primeira xuntaza, a alcaldesa e o equipo técnico da concellaría de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda así como o arquitecto do proxecto, realizaron unha visita á obra para comprobar sobre o terreo as cuestións expostas, avaliar a súa viabilidade e introducir no proxecto aquelas modificacións que fosen viables. Tras a presentación do informe técnico, a alcaldesa citou novamente aos veciños e veciñas para informar das modificacións que se incorporarán ao proxecto.
A principal modificación será a substitución do pavicéspede previsto na parte traseira das edificacións, no límite co ámbito das Percebeiras, por un pavimento continuo. O informe técnico conclúe que a modificación solicitada é viable polo que se incorporará o pavimento continuo,
Respecto á mellora da accesibilidade aos portais 2, 4 e 6 de Tomás Fábregas, cómpre destacar que os accesos actuais ás vivendas están moi elevados respecto da rúa, de xeito que o actual acceso só se chega mediante escaleiras laterais ou frontais sitos en cada porta. Para dar solución a este problema actual, o proxecto crea unha plataforma continua que conecta os tres portais mediante un itinerario accesible.
Á solicitude manifesta polos veciños para a súa modificación, os servizos técnicos sinalan que a execución de rampas independentes en cada edificio non é viable xa que a diferenza de cota obrigaría a superar as pendentes máximas permitidas pola normativa, impedindo un uso autónomo por parte das persoas con mobilidade reducida. Ademais, en relación coa preocupación expresada pola posible perda de privacidade, o informe confirma que as fiestras dos números 2, 4 e 6 continúan situadas a máis de 1,80 metros da nova rasante da rúa, cumprindo as condicións establecidas polas Normas de Habitabilidade de Galicia.
A plataforma única prevista na actuación permitirá ademais facilitar a futura instalación de ascensores nos edificios, se así o deciden as comunidades de propietarios, ao deixar preparado o espazo público para estas intervencións. Esta previsión cobra especial relevancia ao tratarse dunha Área de Rehabilitación Integral (ARI), na que as comunidades poderán acceder a axudas para executar actuacións de mellora da accesibilidade.
Por último, respecto á redución puntual de prazas de estacionamento, o Concello informou de que o Servizo de Mobilidade xa estudou medidas compensatorias mediante ao reordenamento de prazas en liña na contorna, co obxectivo de dispoñer de aparcamento na contorna.

10 de xuño de 2026

4 de maio de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible