Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de marzo de 2024

O Goberno de Inés Rey dá resposta a unha solicitude da veciñanza cun amplo plan de melloras na contorna do edificio residencial do Birloque, onde se ampliarán os espazos peonís e plantarase arboredo

O Concello inicia a semana que vén a primeira fase das obras de reurbanización da rúa Manuel Ferrol, no barrio do Martinete

Xa na segunda fase, o Concello estenderá os traballos ao sector de baixada á rúa Juan Darriba, onde se suprimirá a rotonda existente para mellorar a circulación rodada e ampliar os espazos peonís

O Concello da Coruña iniciará a vindeira semana as obras de reurbanización da rúa Manuel Ferrol, unha actuación que forma parte dos compromisos adquiridos polo Goberno de Inés Rey coa veciñanza do barrio do Martinete.

Os traballos estarán divididos en dúas fases diferenciadas: a primeira afectará aos tres sectores de Manuel Ferrol que arrodean o edificio do residencial O Birloque; e na segunda, que se acometerá posteriormente, as melloras previstas polo Concello centraranse no treito de baixada cara a rúa Juan Darriba, onde tamén se remodelará o cruzamento existente.

No referente á primeira fase, o Concello ten previsto renovar o pavimento das beirarrúas e o firme da calzada, unha intervención que inclúe a elevación de catro pasos peonís -dous deles, de nova creación- nos cruzamentos. Ademais, delimitaranse as áreas destinadas ao estacionamento de vehículos ao redor do bloque residencial, sumándose un novo espazo na parte traseira do edificio, aproveitando o espazo da calzada para sumar unha liña de apacadoiro.

Cómpre salientar, ademais, que no percorrido peonil que bordea o residencial do Birloque tamén está previstos 11 novas árbores e a instalación de novo mobiliario urbano.

O treito que conecta Manuel Ferrol e Juan Darriba, en sentido único

Dada a ampla superficie a reurbanizar en Manuel Ferrol, o Concello distribuíu o plan de obras en dúas fases. Será na segunda cando se executen as melloras previstas no sector leste da rúa, en dirección a Juan Darriba.

Actualmente, a calzada deste treito da rúa Manuel Ferrol contempla a circulación rodada en doble sentido -en subida desde Juan Darriba e tamén en baixada, cara a esta última-, mais pola súa estreita configuración e por solicitude veciñal, pasará a estar disposta só en sentido de baixada cara ao cruzamento con Juan Darriba.

No sector esquerdo da rúa delimitarase un novo espazo para o estacionamento en liña, e no sector dereito está previsto ampliar a beirarrúa, que incluirá un novo pavimento de baldosas. Ademais, ao inicio e final deste treito crearanse dous novos pasos peonís elevados, inexistentes ata agora, cos que se busca reforzar a seguridade viaria na contorna.

Cómpre lembrar que, xa a finais do pasado verán, e coa vista posta en facilitar o desenvolvemento das obras de reurbanización de Manuel Ferrol, o Concello procedeu á retirada dunha torre de alta tensión, sen uso, que obstaculizaba o paso peonil pola beirarrúa dereita que vai en dirección á rúa Juan Darriba.

Supresión da rotonda existente no cruzamento con Juan Darriba

Tamén na segunda fase está previsto acometer a remodelación total do cruzamento entre Manuel Ferrol e Juan Darriba, onde, a instancias da veciñanza, e tras a avaliación do servizo municipal de Mobilidade, se procederá á supresión dunha rotonda que, actualmente, carece de utilidade á hora de facilitar o tránsito rodado.

A súa supresión permitirá, en primeiro lugar, que a rúa Juan Darriba teña unha continuidade total en doble sentido, con prioridade para os vehículos que circulen por esta vía. E, por outra banda, tamén posibilitará gañar máis superficie para ampliar as beirarrúas nos cruzamentos próximos, mellorando así a accesibilidade peonil e recuperando espazos infrautilizados nos que se plantarán novas árbores e mobiliario urbano.

É de destacar, ademais, que as dúas vías que conectan con Juan Darriba neste sector contarán con dous novos pasos peonís elevados e a correspondente sinalización horizontal e vertical de aviso aos vehículos que se incorporen á rúa Juan Darriba.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión