13 de outubro de 2016
O edil de Culturas, José Manuel Sande, salienta o compromiso do Goberno local “coa posta en valor de artistas galegos”
O Pazo de María Pita acolle desde hoxe, e ata o próximo 27 de novembro, a exposición Icarus, do artista ourensán Iván Prieto. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, inaugurou esta tarde a mostra, un traballo composto por 18 esculturas que teñen en común a revisión, desde o prisma do autor, do mito grego de Ícaro. Con esta proposta, "unha metáfora da fraxilidade da materia e do lume que pulveriza á figura", segundo expuso o edil, arrinca a tempada expositiva nos espazos de exhibición municipais, "precisamente nun dos lugares máis emblemáticos da cidade, como é este pazo, lugar de cultura, arte e patrimonio". O responsable da área de Culturas confirmou o compromiso do Goberno local por "poñer en valor artistas contemporáneos de Galicia", e saudou o formato dunha proposta que permite, "dar a coñecer á cidadanía as e aos autores a través dunha síntese da súa produción".
Icarus está formada por un conxunto de 18 pezas nas que Prieto emprega a cerámica, ou algún dos seus sustitutivos, como base fundamental da mesma. O autor convida a ter en conta na lectura das pezas, nas que achega a súa perspectiva sobre a figura da mitoloxía grega de Ícaro e incorpora elementos autobiográficos, a fraxilidade da cerámica e a súa vinculación co fogo, a posición, ás veces imposible, das pezas así como a rica policromía das mesmas.
A exposición pode visitarse todos os días, ata a última fin de semana de novembro, en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible