25 de setembro de 2017
As actuacións, cuxo prazo de execución será de dúas semanas, provocarán o desprazamento da parada de autobús da praza de Ourense
A Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda iniciará mañá, martes 26, as obras de renovación de pavimento na avenida de Linares Rivas, no sentido entrada da cidade. A intervención, que se desenvolverá no ámbito situado entre o paso peonil á altura do número 6-7 da avenida e até o inicio de Sánchez Bregua, suporá o reforzo e mellora da resistencia do firme así como a regularización e mellora da pendente de desaugadoiro, de cara a mellorar a seguridade dos vehículos que transitan pola avenida.
As actuacións do goberno local, cuxo prazo de execución estimado é de dúas semanas, suporán, en concreto, o fresado e reposición do pavimento aglomerado asfáltico nesta zona. Ademais, no carril situado máis á dereita da calzada no sentido entrada de Linares Rivas --polo que transitará o transporte metropolitano-- aproveitarase a renovación do firme para aumentar a súa resistencia. Ao tempo que se realiza esta intervención, que se desenvolverá en distintas fases, a área de Rexeneración Urbana tamén afondará na seguridade do tránsito rodado nesta vía ao regularizar e mellorar a pendente da calzada para evacuar cara á marxe dereita e acabar así coas pozas que se producen neste ámbito nos días choiva. O goberno local informa de que as obras provocarán a ocupación da parada do bus situada na avenida, polo que esta se desprazará con anterioridade ao paso peonil.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible