23 de maio de 2025
Máis de 300 persoas con mobilidade reducida poderán retirar os seus vales na sede de Servizos Sociais de Catro Camiños (rúa Castiñeiras, 23) entre as 9.00 e as 19.00 h. O Concello comezará hoxe, venres 23, a chamar ás persoas beneficiarias para avisalas da recollida.
O Concello da Coruña activará este luns, 26 de maio, a distribución dos vales do Bono Taxi 2025, a axuda municipal que facilita desprazamentos adaptados a persoas con mobilidade reducida. A entrega realizarase na sede de Servizos Sociais de Catro Camiños (rúa Castiñeiras, 23) nun horario ininterrompido de 9.00 a 19.00 h e manterase ata que todas as persoas que teñen o bono concedido pasen a recollelo, co que se evitarán desprazamentos en días distintos.
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, salientou que «o Bono Taxi garante o dereito á mobilidade das persoas con diversidade funcional e coloca A Coruña á cabeza das cidades galegas no investimento neste recurso». Para 2025 está previsto un orzamento de 154.300 €, unha cifra que se mantén na liña do exercicio anterior, sendo A Coruña a cidade galega, con máis diferencia, que máis fondos destina a este tipo de programas.
Durante 2024 máis de 300 persoas usuarias beneficiáronse do programa, dispoñendo dun crédito anual que lles permitiu empregar o taxi para citas médicas, xestións cotiás ou actividades de lecer. O obxectivo municipal é manter, e mesmo ampliar, o número de persoas beneficiarias neste exercicio.
A concelleira adianta que xa está en marcha a dixitalización do sistema mediante unha tarxeta ou aplicación móbil que simplifique a xestión e mellore o seguimento: «Este será o último repartimento con talóns físicos», avanzou Canosa.
Desde hoxe, venres 23, o persoal municipal contactará telefonicamente coas persoas que teñen o bono concedido para informalas de que poden recollelo a partir do luns. Para a retirada dos vales -que cobren todo o ano 2025- será preciso presentar o DNI ou unha autorización asinada. As persoas que non poidan acudir na primeira xornada poderán facelo nos días seguintes, en idéntico horario.
O Bono Taxi forma parte do compromiso do Goberno de Inés Rey coa inclusión e coa igualdade de oportunidades. «Seguimos a reforzar unha cidade accesible na que ninguén quede atrás», concluíu a concelleira.

16 de outubro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible