7 de xullo de 2025
Tras varias semanas de información e reparto de material, a Policía Local pon en marcha este luns un operativo de control para que os propietarios de animais cumpran a normativa de limpeza viaria
O Concello da Coruña activa este luns a fase sancionadora da campaña municipal contra os comportamentos incívicos relacionados coas deposicións e os ouriños de cans na vía pública. Esta nova etapa chega tras un período informativo no que se distribuíron 10.000 dispensadores de bolsas e 5.000 botellas para diluír os ouriños, acompañado de accións de sensibilización en parques e rúas da cidade.
A partir de hoxe, a Policía Local intensificará a vixilancia nos espazos públicos e poderá impoñer sancións que oscilan entre os 100 e os 500 euros, podendo chegar ata os 30.000 euros en casos de reincidencia. A normativa municipal obriga ás persoas propietarias de animais a recoller as deposicións e a diluír os ouriños con auga, como medida básica de hixiene e convivencia cidadá.
Desde o Goberno municipal lembran que esta campaña responde a unha demanda crecente da cidadanía para garantir a limpeza dos espazos comúns e promover unha cidade máis amable, segura e respectuosa. "A fase informativa deu paso á sancionadora. O obxectivo non é outro que protexer o ben común e manter unha cidade limpa para todas e todos", sinalan desde a Concellaría de Medio Ambiente e a de Seguridade Cidadá.
O Concello fai un chamamento á responsabilidade individual para consolidar hábitos cívicos que redunden no benestar colectivo. A campaña manterase activa durante todo o verán, con especial atención aos espazos máis frecuentados polos animais de compañía. Desde o Concello recordan que non só é obrigatorio recoller as deposicións dos cans, senón tamén portar unha botella con auga para limpar os ouriños dos animais.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible