Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de xaneiro de 2024

O Concello inicia unha nova quenda de intervencións para renovar o firme da calzada en rúas da Zapateira, Palavea, Catro Camiños e A Gaiteira

A previsión do Servizo municipal de Infraestruturas é que esta semana rematen os traballos previstos nas rúas Roma, Fontaíña e Río Quintas. Xa este domingo comezarán as melloras na avenida de Oza

O Concello da Coruña iniciou hoxe unha nova quenda de actuacións para acometer a renovación do firme da calzada nas rúas Roma (A Zapateira), Fontaíña e Río Quintas (Palavea) e na avenida de Oza, que vertebra os barrios dos Castros, A Gaiteira e Catro Camiños. 

Os traballos, promovidos polo Goberno de Inés Rey a través da Área de Economía e Planificación Urbana, comezaron este martes no treito da rúa Roma comprendido entre a rúa Augaceiros e a avenida Nova York, onde se executará a substitución do firme da calzada en máis de 2.500 metros cadrados de superficie.

Neste sentido, e como paso previo á intervención sobre a propia estrada, este martes estanse levando a cabo traballos de limpeza e roza nas cunetas e os bordos da calzada. A previsión é que esta actuación remate hoxe, a finais da tarde, sobre as 19.00 horas, sen que haxa incidencias ou cortes de tráfico previstos ao longo da xornada.

Xa mañá, mércores 17, comezará a renovación do firme na rúa Roma, polo que haberá un corte de tráfico total da dita rúa entre as 9.30 e as 19.00 horas. Permitirase, iso si, a entrada e saída de residentes a medida que avancen os traballos en dirección á avenida de Nova York ou as rúas Augaceiros e Burdeos.

Cómpre destacar que, aproveitando esta actuación, o Concello ten previsto realizar unha corrección de rasante para solucionar a acumulación de auga e escorrentía que se detectou ocasionalmente no treito central da rúa.

A estimación do Concello é que os traballos de estendido da mestura MBC se leven a cabo entre este mércores 17 e o xoves 18 de xaneiro. Fóra do que sería o horario laboral, a circulación quedaría restituída con normalidade. Como último paso, unha vez que rematen os traballos de estendido, acometeranse os últimos remates, que inclúen a posta a cota das tapas e servizos afectados, sen que isto requira cortes de tráfico, agás restricións leves en zonas puntuais.

A intervención en Palavea, en paralelo á da rúa Roma

O plan de intervencións marcado polo Servizo municipal de Infraestruturas marca que, en paralelo aos traballos na rúa Roma, tamén comezarán os que están previstos nas rúas Fontaíña e Río Quintas, en Palavea.

Ao igual que na rúa Roma, antes da renovación do firme levaranse a cabo traballos de limpeza da calzada e dos seus bordos. Será entre este mércores 17 e o xoves 18, en horario diúrno, sen cortes de tráfico previstos.

Xa o venres 19 comezará o estendido de MBC sobre a calzada das rúas Fontaíña e Río Quintas. Serán 1.117 metros cadrados de superficie entre ambas as dúas. Os traballos terán lugar de día, entre as 9.30 e as 19.00 h. Se as condicións meteorolóxicas favorecen o seu desenvolvemento, o estendido executarase no mesmo día. Fóra do horario laboral habitual, a circulación de vehículos quedaría restablecida con normalidade.

As melloras na avenida de Oza, desde o domingo 21 ao xoves 25

Xa a finais desta semana, o Concello iniciará os traballos de mellora no firme na avenida de Oza. As obras executaranse, concretamente, no treito que vai desde a rotonda do barrio dos Castros á glorieta de Catro Camiños. Desta forma, a intervención suporá a renovación da calzada nunha superficie total de 10.851 metros cadrados.

Os traballos, que se levarán a cabo en horario nocturno para facilitar o tránsito de vehículos durante o horario habitual da xornada laboral, comezarán este domingo 21, e prolongaranse ata o xoves 25. Dada a envergadura da intervención, dividirase en cinco subfases.

A primeira delas comezará ás 22.30 horas deste domingo 21 e prolongarase ata as 06.00 horas do día seguinte. Levaranse a cabo traballos de fresado e saneo no treito completo da avenida de Oza onde, a posteriori, se renovará o firme.

Xa o luns 22, tamén en horario nocturno (das 22.30 ás 06.00 horas), procederase ao estendido da capa de MBC no treito que vai desde Os Castros ao cruzamento coa rolda de Outeiro. Xa o martes 23 (das 22.30 ás 06.00 horas), darase continuidade ás melloras no firme da calzada no treito que vai desde o cruzamento coa rolda de Outeiro ata o viaduto da rúa Posse, á altura da Gaiteira e o Parque Europa.

O mércores 24, a previsión é avanzar xa ata o cruzamento coa rúa Ramón y Cajal. Será, novamente, desde as 22.30 e ata as 06.00 do día seguinte. E, por último, o xoves 25 será a xornada na que se renovará o firme no treito da avenida de Oza que vai desde Ramón y Cajal á rotonda de Catro Camiños.

A este respecto, cómpre subliñar que se realizarán cortes de tráfico alternativamente nos carrís de circulación segundo vaian avanzando as subfases da obra.

A disposición da sinalización horizontal, en paralelo á renovación do firme

Nos días posteriores ao estendido da MBC, o Concello continuará cos traballos de reposición de servizos e posta a cota de tapas, conxugando os mesmos en horario nocturno e diúrno, en función do tráfico existente. No caso de que se executen en quenda diúrna, só será preciso levar a cabo pequenos desvíos de tráfico sobre o carril afectado.

Cómpre destacar que os traballos de renovación e pintado da sinalización horizontal se realizarán en paralelo ás fases de estendido da MBC, sempre e cando as condicións meteorolóxicas así o faciliten.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión