Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de decembro de 2017

O Concello iniciará 2018 coa entrada en vigor de novas ordenanzas fiscais “que afondan na progresividade e se centran na veciñanza en situación de precaridade”

Vieito salienta ademais o “bo dato de PMP acadado no mes de novembro, no que o Concello pagou aos seus provedores nun período medio de 19,59 días”

A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, salientou este mércores que o Concello da Coruña rematará o ano coa entrada en vigor de novas ordenanzas fiscais e de recadación, "que afondan na progresividade e se centran na veciñanza en situación de precariedade". Así o indicou nunha xornada na que o Boletín Oficial da Provincia (BOP) pública a aprobación definitiva da proposta do goberno local de modificacións fiscais para o ano próximo. "Rematar o exercicio coa aprobación definitiva destas ordenanzas, así como coa previsible aprobación inicial do proxecto de orzamentos municipais, é unha moi boa nova, que facilita a acción do executivo no seu empeño por facer desta unha cidade máis xusta", insistiu a responsanble municipal.

Vieito recordou que a proposta fiscal para o vindeiro ano "é resultado das negociacións que o goberno local mantivo co grupo municipal socialista e teñen como obxectivo fundamental seguir afondando nos principios de progresividade e equidade, un obxectivo que xa iniciamos no 2015". "Con esa finalidade, o vindeiro ano seguirán a aplicarse nas ordenanzas, medidas sociais, nas que extendemos beneficios fiscais dirixidos a rebaixar a carga daquelas persoas que están en peor situación económica", explicou.

Por outro lado, e dentro dos bos datos económicos colleitados polo goberno local, a edil salientou que o Concello pechou o mes de novembro cun Período Medio de Pago a Provedores (PMP) consolidado de 19,59 días, "moi por debaixo dos límites máximos marcados legalmente".

Medidas sociais: taxa do lixo

Entre as novidades das modificacións das ordenanzas fiscais que se aplicarán en 2018 cóntase a inclusión de novas medidas sociais, das que destaca a aplicable na taxa do lixo, que vai parella ás medidas xa introducidas por este goberno na taxa da auga. En concreto, a ordenanza fiscal número 6, reguladora do imposto municipal pola prestación do servizo de recollida e tratamento de lixo e residuos sólidos urbanos, aplicará unha serie de "coeficientes redutores sobre a tarifa destinada a fogares en situación de precariedade". Así, introdúcese a cota cero para aquelas persoas que perciben a Renda de Integración Social de Galicia (Risga) ou algunha prestación de carácter similar, como é o caso da Renda Social Municipal (RSM). Por outro lado, cando a renda familiar non supere o IPREM, a tarifa doméstica para vivendas multiplícase por 0,25, conseguindo, por tanto, un aforro do 75%. No suposto de que a renda non supere en 1,5 veces o índice marcado no IPREM, a cota será o resultado de multiplicar a tarifa para vivendas por 0,5, cun desconto, por tanto, do 50%.

Do mesmo xeito, e tal e como xa ocorre na taxa de entrada de vehículos desde a vía pública, no IVTM e no IAE, proponse que nos casos de alta ou baixa na prestación do servizo de recollida e tratamento de lixo que non coincida co ano natural, a taxa sexa calculada proporcionalmente ao número de trimestres que quedan para rematar o ano, e non por semestres, como até agora.

Fraccionamento de débeda

Vieito salientou que "con ese mesmo obxectivo social aplicarase tamén un novo plan de fraccionamento de débedas por vía executiva, que supón un aumento dos prazos de pago segundo tramos de débeda, co que se conseguirá unha redución das cotas mensuais, de forma que se facilite o pago de obrigas e se eviten situacións de embargo". A este plan, segundo recordou, engádese un procedemento especial para aqueles casos nos que exista risco de exclusión social ou desafiuzamento que ampliará os prazos de pago até un máximo de 36 meses. Por outro lado, o límite de pago exento de prestación de garantias pasa dos 3.000 aos 30.000 euros, "de forma que até esa cantidade non sexa necesario aportar avais, independentemente do prazo de fraccionamento solicitado". "Desta forma complementamos o Plan de Pago Personalizado implantado xa en 2015 por este goberno, que permite fraccionar os tributos até en 6 prazos cun 3% de bonificación no caso do IBI e o IVTM", evidenciou.

Estímulo da Actividade Económica

Entre as modificacións das ordenanzas fiscais tamén figuran as que teñen como obxectivo o estímulo da actividade económica. En concreto,  apróbase de forma definitiva a modificación da tarifa fiscal número 4, relativa ao outorgamento de licenzas de aperturas de establecementos, de forma que se dá luz verde para o próximo ano á aplicación dunha tarifa de cota cero aos traspasos, cesións ou transmisións de titularidade sempre que non muden as actividades, así como a aplicación dun coeficiente redutor do 25% aos establecementos cunha superficie inferior a 150 metros cadrados. Do mesmo xeito, "co obxectivo de fomentar a actividade económica da cidade e diminuír a presión fiscal das empresas situadas en empresas máis afastadas do centro urbano, levarase a cabo unha rebaixa do 10% no coeficiente de situación do Imposto de Actividades Económicas (IAE) nas categorías fiscais das rúas 4ª e 6ª. Deste xeito, preténdese favorecer o desenvolvemento da actividade empresarial tendo en conta a situación física dos locais dentro do termo municipal", comentou.

No que atinxe á ordenanza fiscal reguladora do Imposto de Bens Inmobles (IBI), óptase por ampliar a bonificación regulada aplicable aos bens de características especiais que pertencen ao grupo de portos comerciais, a aqueles inmobles que teñan por actividade principal "a explotación de parques e recintos feirais, así como actividades náuticas".

Noutra orde de asuntos, a variación da ordenanza fiscal número 1 reguladora da taxa por tramitación e expedición de documentos administrativos suprime as diferenzas de tarifa á hora da expedición da tarxeta Millennium, independentemente de se a persoa solicitante está empadroada  ou non no Concello da Coruña.

Instalacións deportivas

En relación ás instalacións deportivas públicas da cidade e o uso das mesmas, o goberno local levou a cabo unha revisión na ordenanzas correspondentes que ofrece máis posibilidades de financiamento ás entidades deportivas, en liña co compromiso que o goberno municipal sempre amosou coas mesmas. Dese xeito, suprímese o concepto de patrocinio tal e como se regulaba na anterior ordenanza e se redefine o feito impoñible. Así, tanto adestramentos como competicións deportivas federadas quedarán exentos de taxas, o que derivará, ademais, en que, se así o consideran, os clubs usuarios das instalacións poderán proceder a un cobro de taquilla.

Por último, entre as principais novidades da nova proposta de ordenanzas fiscais para 2018 aprobada pola Xunta de goberno local destaca a modificación das taxas pola prestación de servizos nos museos e outras instalacións culturais. Coas novidades introducidas, a tarifa reducida para menores será aplicable a rapaces e rapazas que non teñan cumprido os 16 anos (na actualidade 14), mentres tamén se inclúe o suposto de cota cero aos e ás estudantes da UDC.

"Practicamente, todas as modificacións fiscais que propuxo o goberno para o vindeiro ano foron aprobadas por unanimidade no Pleno municipal de forma inicial xa o pasado 20 de outubro", dixo a concelleira de Facenda.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión