4 de xullo de 2017
O edil Daniel Díaz Grandío sinala que a actuación incluirá a ampliación da beirarrúa no punto de incorporación á Ronda de Nelle, “o que ofrecerá máis visibilidade para o peón e pacificará o tráfico”
O Goberno local iniciará mañá os traballos de reordenación de tráfico na rúa Río Tambre, unha medida, que, segundo indica o edil da área de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, "resolve unha demanda histórica da veciñanza do barrio". O ámbito no que se procederá a reordenar a circulación está delimitado polas rúas Pla y Cancela, ronda de Nelle, a avenida de Arteixo e a rúa Juan Castro Mosquera, un entorno constituído por vivendas unifamiliares de edificación de baixa altura de carácter residencial. "Debido á configurafión dos sentidos de circulación das rúas, até o de agora Río Tambre empregábase como unha vía de paso para salvar a intersección de Pla y Cancela coa ronda de Nelle, pero é unha rúa estreita e de ámbito residencial, que debería ter outro tipo de tráfico", explica o edil, quen sinala que a intervención para cambiar o sentido da circulación na rúa "incluirá melloras que tamén favorecerán a seguridade peonil" ao eliminar "pasos innecesarios de vehículos polo interior do ámbito". "É unha obra menor pero que resolve unha demanda do barrio que algúns prometeron solventar. Apuraron para sacar a foto, pero esqueceron sacar adiante un proxecto necesario e moi reclamado pola veciñanza", aseverou o responsable municipal.
Deste xeito, a reordenación do tráfico incluirá a melloras do propio espazo público, coa resolución e reestruturación "máis amable", segundo cualifica o edil, dos pasos peonís, e co aumento de orellas nas beirarrúas, "o que contribuirá á pacificación do tráfico na rúa". "A intervención suporá unha clara mellora na seguridade peonil, en particular no punto de incorporación á Ronda de Nelle desde Río Tambre, ao mellorar, coa ampliación da orella, as condicións de visibilidade para o peón", engadiu Díaz Grandío. As actuacións tamén van encamiñadas, tal e como confirmou o edil, a dar continuidade á rúa Río Eume entre a avenida de Arteixo e a rúa Río Tambre, e cancelar o acceso a río Tambre desde Juan Castro Mosquera cambiando o sentido da rúa Tambre á que se accederá desde a ronda de Nelle. Con motivo desta reordenación, mañá mércores, entre as 09.00 e as 18.00 horas, procederase a realizar cortes puntuais de tráfico na zona das rúas Río Tambre e Río Eume, pero a Concellería de Mobilidade Sostible lembra que se permitirá o paso a residentes. Ademais, entre as 09.00 e as 093.0 horas, cortarase o tráfico de vehículos no viario de conexión de Ronda de Nelle coa avenida de Arteixo, no sentido entrada da cidade.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible