13 de novembro de 2023
Súmanse aos xa existentes en Novo Mesoiro, Os Rosales, Monte Alto e Agra do Orzán
O Concello, a través da súa Concellaría de Medio Ambiente, instalará tres novos mini puntos limpos en outros tantos barrios da cidade. Trátase de Oza, Palavea e Os Mallos, e súmanse aos xa existentes en Novo Mesoiro, Os Rosales, Monte Alto e Agra do Orzán.
Con esta medida, o Goberno de Inés Rey busca mellorar a recollida de residuos especiais e facilitarlle á cidadanía o seu depósito para o seu correcto tratamento, sen ter que desprazarse ás instalacións municipais para facelo. Esta actuación está cofinanciada nun 90% con cargo a fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.
A liña de axudas busca que os municipios leven a cabo actuacións encamiñadas a implementar a mellora na recollida de residuos, a través da mellora dos puntos limpos. No caso do Concello da Coruña, solicitouse a segunda liña de axudas, que procura a creación de novos puntos limpos de proximidade para favorecer a prevención, a recollida separada e adecuada clasificación de fluxos especiais de residuos municipais, ampliando e mellorando os servizos actuais de reciclaxe e reutilización.
Cos novos mini puntos limpos serán sete os barrios da cidade que contarán con este tipo de contedores para a separación selectiva de residuos nas súas rúas, favorecendo a reciclaxe para a cidadanía. Os novos espazos permitirán depositar neles pilas e baterías, cartuchos de impresión e pequenos aparellos electrónicos, entre outras cousas. "O Goberno de Inés Rey aposta por accións concretas como esta para mellorar o tratamento dos residuos dos nosos barrios. Facemos un chamamento aos veciños e veciñas para que utilicen estes espazos e así mellorar entre todos a calidade dos nosos servizos de recollida do lixo", sinalou Noemí Díaz, concelleira de Medio Ambiente.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible