Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de abril de 2026

O Concello inviste 1,5 millóns de euros ao ano á xestión do Banco Municipal de Vivenda destinado ao alugueiro social

Na Xunta de Goberno Local extraordinaria tamén se deu luz verde á licitación da área canina do Parque de Vioño

O executivo local aprobou hoxe en Xunta de Goberno Local Extraordinaria encargar á Empresa Municipal de Vivenda, Servicios y Actividades (EMVSA) prestación dun servizo de xestión legal, administrativa e técnica dun Banco Municipal de Vivenda destinado ao alugueiro social, cun investimento total de 5.899.315 € ata o ano 2030 -1,5 millóns anuais a partir do 2027-.

"Esta medida está a afondar nun empeño fundamental deste Goberno, que é poñer os recursos municipais ao servizo da cidadanía, tratando no que está na nosa man de paliar a grave crise da vivenda que estamos a vivir en toda España. Como sempre, invitamos a todas as administracións a que fagan o mesmo que nós", remarcou a alcaldesa, Inés Rey. 

O Concello é propietario dun conxunto de bens inmobles de carácter patrimonial destinados ao arrendamento, formado por 410 vivendas. Esta medida súmase as outras adoptadas polo Goberno municipal para tratar de aumentar a oferta de vivenda na cidade e conter o prezo de compra e alugueiro, como a declaración da zona tensionada o a regulación das Vivendas de Uso Turístico (VUT) ou a construción de dous novos edificios municipais que serán destinados a alugueiro ou vivenda social (un, de cinco vivendas, en marques de Pontejos, e outro de 50 en Xuxán).

Este banco estará integrado polas vivendas de titularidade municipal e por todas aquelas que os particulares que a cidadanía voluntariamente poña a disposición da entidade para a xestión e formalización dos alugueiros. O Concello xa ten fogares destinados a colectivos especialmente vulnerables ou con maior dificultade de acceso á vivenda. Este servizo tamén era xestionado por Emvsa a mandato do Goberno local.

Área canina de Vioño

O Concello tamén deu luz verde á apertura do proceso de licitación dunha nova área canina no Parque de Vioño, cun orzamento base de 134.310 euros e un prazo de execución de dous meses. Actualmente, a cidade ten un total de cinco áreas caninas distribuídas por diferentes parques da cidade, ocupando unha extensión de máis de 16.500 m2. Con este novo proxecto, o Goberno local avanza no seu obxectivo de ampliar a rede de servizos públicos de proximidade para mascotas, pensando ademais na comodidade dos donos. 

A localización do Parque de Vioño entre barrios de alta densidade poboacional como Os Mallos e a Sagrada Familia permitirá achegar este servizo a miles de persoas usuarias que ata agora non tiñan un entorno destas características nas inmediacións. Ademais, a localización da nova área canina está en un enclave relativamente chairo e con múltiples accesos peonís.

"Toda a veciñanza, sexa do barrio que sexa, ten dereito a recibir os mellores servizos municipais nos espazos públicos. Con equipamentos modernos e que atendan ás necesidades reais. A área canina de Vioño achega a miles de veciños e veciñas de varios núcleos de poboación unha prestación que ata o de agora non tiñan e que demandaban", subliñou a alcaldesa.

A estrutura aproveitará a chaira de céspede xa existente, pero mellorando o drenaxe a través de xeoceldas para evitar charcos. Tamén se instalará unha pérgola e un espazo con bancos para permitir o descanso das persoas usuarias ao resgardo da sombra. O recinto contará con catro fontes potables, un valado de trazado ergonómico, unha porta de entrada e saída cun dobre sistema de seguridade para evitar fugas, equipamento para a recollida de excrementos e residuos e unha rede de iluminación reforzada.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión