9 de maio de 2025
As actividades desenvolveranse entre o 23 de xuño e o 9 de setembro en preto de 40 sedes diferentes, espalladas por toda a cidade
A programación estival municipal ofrecerá 6.116 prazas en oito modalidades de campamento, tanto urbanos coma con pernocta
O Concello da Coruña vén de poñer en marcha a campaña municipal dos Campamentos de Verán 2025, unha iniciativa destinada a ofrecer durante os meses de verán unha programación ampla, diversa e inclusiva de lecer educativo para a infancia e a mocidade da cidade.
A campaña desenvolverase do 23 de xuño ao 9 de setembro, cubrindo así todo o período de vacacións escolares cun total de máis de 11 semanas de actividades continuadas. Este amplo abano de campamentos ten como obxectivo facilitar a conciliación da vida familiar e laboral das familias coruñesas durante o verán, ao tempo que brinda ás crianzas espazos seguros para aprender, convivir e divertirse.
En total, ofértanse 6.116 prazas para nenos, nenas e adolescentes da cidade, distribuídas en oito modalidades de campamento. Haberá campamentos urbanos de día de carácter lúdico, deportivo e educativo dentro do propio concello, así como campamentos con estadías e pernocta fóra da cidade. As actividades desenvolveranse en preto de 40 sedes e instalacións municipais -centros cívicos, colexios e polideportivos, entre outros espazos- e inclúen como novidade a utilización da Estación de Montaña de Manzaneda (Ourense) para a modalidade de campamento con pernocta.
Os campamentos abranguen un amplo abano de temáticas, desde a promoción de hábitos de vida saudable e o consumo responsable ata o deporte e a vida activa, o contacto coa natureza e o coidado do medio ambiente, a creatividade artística e cultural ou mesmo a descuberta doutras culturas e da historia local. Así mesmo, en todos os campamentos promóvense de forma transversal valores como a convivencia, a igualdade, a inclusión e o desenvolvemento emocional. Para garantir a participación inclusiva, a campaña reserva prazas para menores con necesidades educativas especiais, que contarán con monitores de apoio para atender ás súas necesidades específicas. As actividades están deseñadas para menores de entre 4 e 17 anos de idade, polo que poderán participar nenas e nenos nados entre os anos 2008 e 2021.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, salientou que "esta programación de campamentos de verán reflicte a nosa aposta decidida pola conciliación e pola inclusión. Queremos ofrecer ás familias recursos que lles permitan conciliar durante as vacacións escolares ao tempo que garantimos a participación de todos os nenos e nenas, independentemente das súas necesidades, nun verán de aprendizaxe e lecer de calidade".
Rey lembrou que a organización dos campamentos de verán é froito do traballo conxunto entre as concellarías de Benestar Social, Participación e Igualdade, Educación, Deportes, Cultura, a Oficina Municipal de Información ao Consumidor e o Instituto Municipal Coruña Espectáculos.
Calendario de inscricións
Preinscrición: 13, 14 e 15 de maio
Lista provisional de prazas: 23 de maio
Reclamacións: 26 e 27 de maio
Sorteo público: 29 de maio
Lista definitiva de admitidos/as: 2 de xuño
Formalización e pagamento: do 3 ao 6 de xuño
Xestión de vacantes (lista de agarda): a partir do 10 de xuño
Toda a información, bases completas e formularios están dispoñibles en Campamentos de Verán 2025 e no teléfono de atención 010.
O compromiso do Concello coa conciliación os 365 días do ano
O Concello da Coruña mantén un compromiso permanente coa conciliación da vida laboral, familiar e persoal das familias coruñesas durante todo o ano. Entre os servizos estables salientan:
Esta rede de recursos, reforzada no verán cos campamentos municipais agora presentados, garante que todas as familias dispoñan de alternativas flexibles e inclusivas que faciliten a conciliación ao longo dos doce meses do ano.
Para máis información, as persoas interesadas poden consultar a web municipal ou dirixirse aos centros cívicos da cidade.
Tamén che pode interesar
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible