Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de abril de 2024

O Concello licita as obras de restauración do primeiro piso da Casa Picasso, que permitirán a recuperación de detalles orixinais do inmoble

Cun investimento de algo máis de 107.000 euros renovaranse as carpinterías interiores, pavimentos e tabiquería, co obxectivo de mellorar a súa estrutura

O Concello licitou as obras de restauración do primeiro andar da Casa Picasso, unha iniciativa que forma parte da estratexia do Goberno de Inés Rey para recuperar os espazos patrimoniais e históricos da cidade e de promover o posicionamento da Coruña como cidade picassiana.

A Casa Picasso, un edificio construído no ano 1888 e situado no número 14 da rúa Paio Gómez, no barrio do Ensanche, forma parte da rede de Museos Históricos da Coruña. Foi no segundo piso deste espazo, entre os anos 1891 e 1895, onde viviu a familia Ruíz-Picasso durante os seus anos de estadía na cidade. E foi alí onde o artista Pablo Picasso experimentou os primeiros pasos da súa eclosión creativa, na súa nenez. Actualmente, a vivenda do segundo piso acolle a Casa-Museo Picasso, aberta a visitas guiadas, con acceso de balde, co obxectivo de dar a coñecer a vida, obra e percorrido do artista andaluz na súa etapa na Coruña. 

Agora, o Concello rehabilitará o primeiro piso da Casa Picasso, un andar destinado a usos múltiples que amplían a oferta de actividade cultural no inmoble, "co obxectivo de renovar parte da súa estrutura, unha intervención necesaria para conservar nas mellores condicións a casa-museo", expuxo hoxe Inés Rey.

Entre as actuacións previstas no primeiro piso está a restauración das carpinterías interiores. Ademais, no aseo disporase un pavimento cerámico similar ao que había antano. "Son dúas medidas orientadas a recuperar os detalles orixinais do inmoble deste andar", apuntou a rexedora.

A maiores, substituiranse diversos tabiques de barrote por novas estruturas de madeira, coa idea de gañar en luminosidade no conxunto da estancia, e tamén se levarán a cabo melloras nos falsos teitos e as instalacións de fontanería existentes.

O Goberno municipal estima que as obras, logo de que se adxudiquen, poderán completarse en aproximadamente tres meses. O investimento do Concello nesta intervención será de algo máis de 107.000 euros.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión