30 de setembro de 2026
O valor estimado do contrato é de máis de 9,2 millóns de euros, e o período de duración é de 15 anos sen prórrogas
O Concello aprobou hoxe en Xunta de Goberno Local a licitación da concesión dos servizos de explotación, xestión e mantemento do Campo Municipal de Golf da Torre de Hércules, durante un prazo de duración de 15 anos sen opción a prórroga.
"Queremos fortalecer e ampliar os servizos ofrecidos por unhas instalacións deportivas que contan cunha forte demanda. Por iso damos un paso á fronte para mellorar e traer novos investimentos a este campo", apuntou a alcaldesa, Inés Rey.
O contrato abrangue a xestión deportiva, administrativa e económica da instalación, así como a conservación de todas as súas infraestruturas, equipamentos e zonas verdes. O valor estimado deste contrato é de 9.207.850,96 €.
A renovación prevista abrangue boa parte do complexo deportivo. Entre as actuacións destacan a remodelación do campo de xogo, coa mellora da drenaxe, a renovación das superficies e a nivelación dos "greens" e das rúas; a renovación dos "boxes" e "tees" de saída; a modernización do edificio principal, con melloras de accesibilidade e eficiencia enerxética; a substitución da iluminación por tecnoloxía LED; a renovación de maquinaria de mantemento e limpeza e a construción dun novo almacén de mantemento.
A licitación abre unha nova etapa para este equipamento deportivo municipal, cun modelo de xestión orientado á modernización das instalacións, á mellora da calidade do servizo e á sostibilidade económica e ambiental. O contrato terá unha duración de 15 anos e establece un prazo máximo de 18 meses para a execución das principais actuacións de investimento inicial.
Rey destacou que "esta licitación é un paso importante para modernizar unha instalación deportiva municipal situada nun enclave estratéxico da cidade, ao carón da Torre de Hércules. Queremos que o campo estea nas mellores condicións, pero tamén que siga sendo un espazo aberto á cidadanía, no que calquera persoa poida achegarse ao golf e iniciarse neste deporte".
Rey subliñou que "a renovación das instalacións debe ir acompañada dunha aposta pola formación e polo deporte de base. Por iso, queremos potenciar os cursos da Escola Municipal de Golf e facilitar que nenos, nenas, persoas adultas e maiores poidan descubrir e practicar esta modalidade deportiva, mantendo prezos accesibles".
A concesión prevé ademais un investimento estimado de máis de 1 millón de euros por parte da adxudicataria para a modernización do campo e das instalacións. Con esta actuación, o Concello dá un novo paso na modernización das súas infraestruturas deportivas, asegurando un procedemento aberto, competitivo e rigoroso, en coherencia cos principios de boa administración e eficiencia na xestión dos recursos públicos.
A licitación establece unha estrutura de tarifas reducidas fixadas polo Concello. Calquera actualización posterior estará suxeita á autorización municipal e ao cumprimento dos obxectivos de calidade establecidos nos pregos. A dimensión social da licitación tamén se traslada ás condicións laborais. Incorporaranse tamén medidas sociais para recoñecer e mellorar as condicións laborais do persoal que presta servizo na instalación municipal. Esta medida enmárcase no compromiso municipal de incorporar criterios sociais nas contratacións públicas e de promover unhas condicións laborais adecuadas na prestación dos servizos deportivos.
O Campo Municipal de Golf Torre de Hércules, situado na Cidade Deportiva da Torre, é unha instalación singular pola súa localización e polo seu potencial deportivo, formativo e turístico. Con esta licitación, o Concello establece as condicións para renovar o equipamento, reforzar a súa oferta deportiva e garantir que continúe cumprindo unha función pública: achegarlle o golf á cidadanía e ofrecer unha alternativa de práctica deportiva accesible para diferentes idades e niveis.
Servizo de conservación, mantemento e mellora de parques e xardíns
O Concello tamén acordou, segundo o establecidos nos pregos, a prórroga dos lotes 1, 2, 3 e 4 do servizo de conservación, mantemento e mellora dos parques e xardíns da cidade. Tal e como establecía o contrato, despois do período incial de tres anos, podían activarse ata dúas prórrogas anuais se existía conformidade das partes. "O bo desempeño do servizo nos leva a activar, tal e como estaba previsto, a primeira das prórrogas para garantir o bo funcionamento dunha actividade municipal esencial e para facer da Coruña unha cidade máis sostible e máis coidada", subliñou Inés Rey.
O investimento total dos catro lotes prorrogados supón un investimento municipal de máis de 8,3 millóns de euros anuais, distribuídos da seguinte forma:
Lote 1: Traballos periódicos, normais e habituais de conservación e mantemento da infraestrutura verde municipal (con partida adicional para outras actuacións previstas), 2.670.889,65 € / ano.
Lote 2: Traballos periódicos, normais e habituais de conservación e mantemento da infraestrutura verde municipal (con partida adicional para outras actuacións previstas), 2.956.823,89 € / ano.
Lote 3: Traballos periódicos, normais e habituais de conservación e mantemento da infraestrutura verde municipal (con partida adicional para outras actuacións previstas), 2.348.537 € / ano.
Lote 4: Traballos periódicos, normais e habituais de conservación e mantemento da infraestrutura verde municipal (reservado para centros especiais de emprego e empresas de inserción ), 340.124,66 € / ano.
O obxectivo do Goberno de Inés Rey con este contrato é poder xestionar de maneira integral toda a superficie verde da cidade, incluíndo parques, zonas forestais, ecohortas, xardíns ou parcelas e soares non edificados, ademais dos accesos a praias, a liñas da costa, ríos e estanques naturalizados.
O servizo de conservación e mantemento das áreas verdes da cidade leva tamén a cabo traballos de actualización do inventario do arboredo existente na Coruña, así como un seguimento do estado do mobiliario urbano e as zonas de paso en enclaves como a contorna da Torre de Hércules, nos circuítos interiores dos xardíns de Méndez Núñez, nos xardíns de San Carlos, no monte de San Pedro e nos parques de Bens, Santa Margarida, Adolfo Suárez, Oza, Eirís, San Diego e parque Europa.
Avanza o plan de concesións
Por outra banda, o Concello acordou persoarse nos procedementos abertos polas antigas concesionarias dos aparcadoiros de Mestre Mateo, praza de Galicia, San Cristovo e María Pita, dentro dos procedementos de caducidade abertos polo Goberno municipal para recuperar concesións.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible