Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de xullo de 2026

O Consorcio sacará a concurso os destinos de Málaga, Valencia, Bilbao, Sevilla e Alacante. Proximamente convocará un concurso específico para rutas internacionais

O Concello licitará cinco novas rutas nacionais desde Alvedro e asinará un convenio con Inditex para a promoción turística da Coruña

Inés Rey: “O acordo con Inditex permitirá fortalecer a estratexia de promoción turística, económica e cultural da Coruña”

A Xunta de Goberno do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña abordará este venres a aprobación da licitación de cinco novas rutas aéreas desde o aeroporto de Alvedro e dun convenio de colaboración con Inditex que permitirá reforzar a estratexia de promoción exterior da cidade. A iniciativa é froito da colaboración institucional entre o Concello da Coruña, o Consorcio de Turismo e a compañía galega, coa finalidade de mellorar e consolidar o posicionamento de cidade como destino turístico, empresarial e congresual de referencia.

A nova licitación inclúe cinco lotes correspondentes ás conexións directas con Málaga, Valencia, Bilbao, Sevilla e Alacante, mercados considerados estratéxicos para a cidade polo seu potencial turístico, económico e de negocio. O contrato terá unha duración inicial de tres anos, con posibilidade de prórroga por unha anualidade adicional, e busca garantir tanto a operatividade das rutas como o desenvolvemento de campañas de promoción asociadas nos mercados de destino. O Concello, a través do Consorcio de Turismo, investirá máis de 6,5 millóns de euros nesta iniciativa.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou que "a mellora da conectividade aérea é unha cuestión estratéxica para o futuro da cidade porque nos permite atraer visitantes, facilitar as relacións empresariais e ampliar as oportunidades de mobilidade para a cidadanía". "A existencia de conexións directas con máis destinos favorece a actividade económica, fortalece o turismo, impulsa os intercambios profesionais e contribúe tamén á cohesión social e territorial. En definitiva, axuda a facer da Coruña unha cidade máis aberta, competitiva e conectada co mundo", sinalou a rexedora.

A actuación enmárcase na estratexia municipal de apoio ao aeroporto de Alvedro e á ampliación da súa rede de destinos, unha liña de traballo que o Concello e o Consorcio de Turismo consideran fundamental para atraer visitantes procedentes de mercados emisores de alto interese para a cidade. Os pregos da licitación establecen a realización de accións de promoción turística vinculadas ás rutas, incluíndo campañas de publicidade, presenza destacada da Coruña nas plataformas das compañías aéreas, accións en redes sociais, newsletters, reportaxes especializados e viaxes de familiarización para profesionais do sector. 

A estratexia do Goberno de Inés Rey persegue consolidar o crecemento do aeroporto de Alvedro, incrementar o número de visitantes e reforzar a proxección nacional e internacional da Coruña mediante novas conexións e accións específicas de promoción do destino. 

Novas rutas incluídas na licitación

  • A Coruña - Málaga: 208 voos anuais e un mínimo de 37.440 prazas ao ano. 

  • A Coruña - Valencia: 208 voos anuais e un mínimo de 37.440 prazas ao ano.

  • A Coruña - Bilbao: 180 voos anuais e un mínimo de 32.400 prazas ao ano. 

  • A Coruña - Sevilla: entre 288 e 352 voos anuais segundo a anualidade do contrato, con ata 63.360 prazas. 

  • A Coruña - Alacante: entre 146 e 180 voos anuais segundo a anualidade do contrato, con ata 32.400 prazas. 

Convenio con Inditex

Na mesma Xunta de Goberno do Consorcio debaterase tamén unha proposta de convenio a asinar entre o Consorcio de Turismo e multincional Inditex, mediante o cal a empresa aportará 1,5 millóns de euros para a promoción turística da cidade. Dito convenio estará en vigor nos anos 2026 e 2027 e será prorrogable un ano máis. O Consorcio de Turismo convocará, tras a sinatura do convenio, un novo concurso para rutas internacionais semellante ao que se aprobará o venres para os destinos nacionais.

Inés Rey puxo en valor a cooperación público-privada como ferramenta para avanzar nos grandes proxectos de cidade. "A colaboración con Inditex volve demostrar que cando institucións e empresas traballan na mesma dirección somos capaces de impulsar iniciativas que xeran valor para toda a Coruña. Este acordo permitirá afrontar con máis recursos retos estratéxicos relacionados coa promoción turística, cultural e económica da nosa cidade", afirmou.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión