Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de xullo de 2023

O Concello mellora a plataforma Coruña eFilm das bibliotecas con aplicación para móbil e televisión e novas seccións de mangas, podcasts e concertos

As novidades estarán dispoñibles no último trimestre do ano e sumaranse a un catálogo que conta con máis de 10.000 películas, series e documentais de acceso gratuíto para usuarios e usuarias

A plataforma Coruña eFilm, unha ferramenta en liña que permite ás persoas usuarias da rede de bibliotecas municipais acceder e visualizar un catálogo con máis de 10.000 títulos audiovisuais, entre películas, documentais, series e revistas, renovarase nos vindeiros meses con novo contido e funcións.

Entre as novidades destaca unha nova aplicación para teléfonos móbiles e televisións, que estará dispoñible a partir de setembro e suporá unha mellora da experiencia actual. A aplicación estará dispoñible en dispositivos iOS e Android e en televisións Smart Tv das marcas Samsung, LG, Google TV ou Android TV.

Por outra banda, outra das grandes novidades será a inclusión na plataforma dunha sección de manga para lectura en liña. O catálogo contará coa colección das principais editoriais do sector e as persoas usuarias poderán ler algunhas das grandes sagas do manga xaponés. Ademais, engadiranse tamén case 50 millóns de arquivos sonoros ou episodios de podcast, creándose listaxes específicas con cada unha das temáticas dispoñibles. As novidades tamén chegan cunha ampliación da canle de concertos, con máis de 1.300 horas de actuacións de diferentes xéneros e o aumento da sección de revistas, con máis de 10.000 publicacións en 43 idiomas.

Esta plataforma de streaming promovida polo Concello é de balde e supuxo unha revolución no préstamo de contido audiovisual nas bibliotecas. O catálogo é amplo e variado, contando cunha gran selección de obras galegas e en galego. Cada persoa usuaria pode coller prestadas dúas películas ou dous capítulos de series á semana.

 "Para o Concello e as Bibliotecas Municipais da Coruña, a ampliación deste servizo supón, en primeiro lugar, o seu éxito nestes meses e, por outra banda, o compromiso cos seus usuarios e usuarias de cara a ofrecer unha colección actualizada e dinámica, adaptada ao presente e que cubra todas as necesidades de información, formación e lecer posibles", sinalou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

Como funciona

O acceso á plataforma, ata que se publique a nova aplicación, é a través da páxina web coruna.efilm.online. Unha vez iniciada sesión, pódese coller prestada calquera película do catálogo, sempre que se cumpra o requisito de idade que marca o carné da biblioteca. Todo o contido de Coruña eFilm está organizado baseándose en xéneros e listaxes pensadas para acceder a aquilo que se adapte mellor aos intereses do usuario ou atopar as últimas novidades así como suxestións que permiten achegarse a títulos descoñecidos para o gran público.

Coruña eFilm ten un buscador integrado no que se pode procurar unha película ou serie concreta por título, dirección ou reparto. Todas as películas contan cunha ficha técnica para informar os usuarios e usuarias sobre elas e tamén existe a opción de gardalas para visualizalas máis tarde.

Unha vez seleccionado o filme, pódese escoller o idioma e os subtítulos cando están dispoñibles. Poderase pausar a reprodución e retomala en calquera momento desde o mesmo punto. A película estará dispoñible entre 48 e 72 horas, segundo o tipo de alugueiro. No caso das revistas, non hai límite de visualización e pódense filtrar por xénero, país e idioma.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión