8 de setembro de 2026
O Concello mantén durante todo o ano o traballo de conservación dos centros: antes do verán xa se atenderan máis de 1.000 incidencias
Inés Rey visitou hoxe o CEIP María Pita, un dos 23 centros nos que actuou o Goberno municipal durante o período non lectivo
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou hoxe, xunto ao concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, o CEIP María Pita, para facer balance das actuacións de mellora desenvolvidas polo Concello durante o verán nos centros educativos públicos da cidade. O Concello mobilizou durante estes meses máis de 800.000 euros en obras e actuacións de mellora, tanto a través do contrato municipal de mantemento como mediante contratos específicos. En total, actuouse en 23 centros educativos da cidade: 21 centros públicos de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial e dúas escolas infantís municipais: "Aproveitamos o verán para intensificar os traballos e poñer a punto os nosos centros educativos de cara ao inicio do curso, actuando en patios, cubertas, instalacións de auga e electricidade, accesibilidade, seguridade ou zonas deportivas, entre outros ámbitos", sinalou Rey.
Este esforzo durante o período estival dá continuidade ao traballo que o Concello desenvolve nos centros educativos ao longo de todo o ano. En 2026, o Goberno municipal destina 1,75 millóns de euros a investimentos nos colexios públicos e outros 2,71 millóns ao plan anual de mantemento. De feito, durante o período lectivo, os servizos municipais xa atenderan máis de 1.000 incidencias de mantemento nos centros educativos no que ía de ano, con actuacións por un importe próximo aos 1,5 millóns de euros. Son intervencións de fontanaría, electricidade, carpintaría, pintura, cubertas ou outras reparacións que permiten dar resposta ás necesidades cotiás dos centros.
"O traballo nos colexios non se limita aos meses de verán. Durante todo o curso atendemos as incidencias que nos trasladan os centros e aproveitamos o período non lectivo para concentrar aquelas actuacións que, pola súa entidade, son máis difíciles de executar coa actividade escolar en marcha", explicou a alcaldesa.
No CEIP María Pita, durante este verán substituíuse parte das tubaxes de auga fría e reparouse o alumeado exterior e executouse. Estas intervencións dan continuidade á renovación da carpintaría exterior, rematada polo Concello no pasado mes de maio, xunto á mellora do camiño e do acceso ao centro: "O María Pita é un bo exemplo deste traballo: non falamos de actuacións illadas, senón dun proceso continuado de conservación e mellora das instalacións ao longo de todo o ano", apuntou Rey.
Medio cento de actuacións nos centros educativos
Ao longo deste verán, o Concello puxo en marcha arredor de medio cento de actuacións de nos centros educativos públicos da cidade. Entre as intervencións de maior entidade está a renovación integral do parque infantil do CEIP Concepción Arenal, cun investimento de 70.000 euros e unha superficie de 173 metros cadrados. No centro tamén se actuou no portalón de Perpetuo Socorro, na porta e nas aulas de Infantil e no canalón do patio cuberto. No CEIP María Barbeito e Cerviño, ademais de melloras no baño de Infantil e nas baixantes pluviais, está en execución a renaturalización do patio, cun investimento próximo aos 150.000 euros.
No CEIP Emilia Pardo Bazán renováronse 356 metros cadrados do patio con céspede artificial antiestático e acometéronse outras melloras; no CEIP Cidade Vella actuouse contra as filtracións e humidades, no patio interior, na pista polideportiva e no vestíbulo; e no CEIP Torre de Hércules instaláronse un novo portalón e un videoporteiro e mellorouse a bancada do patio exterior.
As actuacións chegaron tamén ao CEIP Rosalía de Castro, onde se renovou o portalón, se substituíu unha tubaxe da aula de música e se executaron melloras no ximnasio de Infantil; ao Manuel Murguía, coa reparación do peche da pista de fútbol sala e o repintado das liñas deportivas; e aos Sagrada Familia e San Pedro de Visma, onde se actuou nas tubaxes de auga, ademais de reparar e limpar parte do canalón exterior no primeiro deles.
Tamén se realizaron melloras nos CEIP Wenceslao Fernández Flórez, Víctor López Seoane, Eusebio da Guarda, Zalaeta, Sal Lence, Salgado Torres, San Francisco Xabier, José Cornide e Alborada, con intervencións en peches, instalacións eléctricas, cubertas e canalóns, instalacións deportivas, humidades e elementos de seguridade.
A todo isto súmanse outras actuacións de maior entidade executadas ou iniciadas mediante contratos específicos. O Concello destinou 44.300 euros á reparación da cuberta do CEE Nosa Señora do Rosario; 43.000 euros á impermeabilización dos patios do CEIP Raquel Camacho; 47.600 euros á reparación das filtracións na cuberta da EIM Novo Mesoiro, xa finalizada; e 180.000 euros á renovación integral da cuberta da EIM Castrillón, actualmente en execución. Só estas catro actuacións mobilizan preto de 315.000 euros.
O período estival permitiu tamén reforzar a seguridade nas cubertas, coa instalación de liñas de vida nos CEIP Rosalía de Castro e María Barbeito e Cerviño, así como de dúas no CEIP Torre de Hércules. No Alborada revisouse a instalación existente e, das actuacións previstas neste ámbito, queda pendente a do CEIP Cidade Vella, que se iniciará nos vindeiros días.
No balance económico, as actuacións xa executadas superan os 480.000 euros. A maiores, están xa iniciadas actuacións por preto de 330.000 euros, o que eleva a máis de 800.000 euros o investimento mobilizado durante estes meses.
O Concello reclama á Xunta un plan integral de rehabilitación
A alcaldesa lembrou tamén que o Concello entregou en xullo á Consellería de Educación un informe detallado, centro por centro, sobre as necesidades de rehabilitación e mellora da rede pública da Coruña, formada por centros cunha antigüidade media de 50 anos. O Goberno municipal reclamou á Xunta a posta en marcha dun Plan de Rehabilitación Integral que permita abordar as actuacións estruturais que precisan moitos deles.
"O Concello vai seguir cumprindo coa súa parte, pero o mantemento municipal non pode substituír as obras de rehabilitación e modernización que lle corresponden á Xunta de Galicia. Seguimos agardando unha resposta ao informe que lle entregamos e, sobre todo, que a Xunta acometa as actuacións que son da súa competencia nos colexios públicos da Coruña", concluíu Rey.

7 de setembro de 2026

2 de setembro de 2026

22 de agosto de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible