17 de maio de 2026
O prazo de preinscrición abre este luns, 18 de maio, ao alumnado de todas as idades, e estará vixente ata o venres, 22 de maio
O Concello xa está a organizar o curso 2026-2027 da Escola Municipal de Música, que arrincará no mes de setembro. E para iso publicaranse na web www.coruna.gal/emm o próximo luns 18 de maio as case 200 prazas dispoñibles para novo alumnado.
"A aposta do Goberno de Inés Rey por mellorar a Escola Municipal de Música é unha aposta pola educación e pola cultura. Milleiros de coruñeses e coruñesas de todas as idades tiveron os seus primeiros contactos musicais neste centro, e é a responsabilidade do Concello asegurarse de que ten os recursos necesarios para seguir formando con todas as garantías e nas mellores condicións posibles", apuntou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
A oferta formativa inclúe especialidades instrumentais e vocais, así como linguaxe musical e Música e Movemento para os nenos de entre 4 e 7 anos. A meirande parte das prazas serán para eles, aínda que a oferta está dirixida para todas e todos, desde os 4 anos ata adultos sen límite de idade.
Desde hai 28 anos a Escola Municipal de Música traballa para que a música chegue a toda a poboación e se converta nunha ferramenta social que una e fomente as relacións interxeneracionais, desenvolvendo o lado artístico tanto individual como colectivo.
A preinscrición, aberta do 18 ao 22 de maio
O calendario correspondente á oferta de prazas dispoñibles na EMM de cara ao vindeiro curso arrincará este luns 18 de maio, coa apertura da preinscrición. Na páxina web atoparanse o enlace e os pasos para realizala. O prazo estará vixente ao longo da semana, ata o venres 22.
O 1 de xuño publicarase a listaxe das persoas admitidas e será entón cando comece o prazo para formalizar matrícula, ata o 6 de xuño.
As persoas interesadas poden consultar máis información na web www.coruna.gal/emm, presencialmente nas instalacións da Escola (Rúa da Torre, 67) ou por teléfono, no 981 226 752.

15 de maio de 2026

14 de maio de 2026

14 de maio de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible