21 de xaneiro de 2026
A Coruña presenta a súa candidatura para formar parte da Rede de Cidades Creativas da UNESCO na categoría de cinema e audiovisual
O Concello presentou a estratexia e a programación turística e cultural da Coruña para este ano en Fitur. Fíxoo nun acto celebrado en IFEMA, no posto de Galicia, que contou coa presenza de destacadas autoridades e cargos dos sectores turístico e cultural a nivel nacional.
A Coruña presentouse nesta feira como o mellor lugar de Europa onde observar a eclipse total de sol do 12 de agosto, feito que reforza a celebración na cidade de dous importantes congresos astronómicos nesa semana: Third Solar MHD Conference e New Frontiers in Cosmology. O Concello traballa xa en múltiples accións arredor da eclipse a través dunha comisión de seguimento que implica a diferentes áreas municipais.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e o xerente do Consorcio de Turismo da Coruña, Antón Álvarez, anunciaron que, baixo o lema 'A Coruña, CidadEclipse', organizaranse exposicións, charlas divulgativas, accións culturais e crearanse puntos de observación de cara a este acontecemento histórico, que non se vive na cidade desde 1905 e non se repetirá ata o ano 2180. "Seremos o mellor escenario de Europa para gozar dun fenómeno astronómico único e nós xa nos puxemos a traballar para ofrecer tanto á cidadanía como ao turismo a mellor experiencia posible", sinalou Álvarez.
O Concello desenvolverá unha campaña divulgativa en centros educativos e centros cívicos desde o mes de marzo co obxectivo de informar á cidadanía de todo o que necesitan saber sobre a eclipse. A rede de Museos Científicos sumarase aos actos cunha programación especial no Planetario e unha exposición itinerante. Tamén se farán campañas de dinamización no comercio local e nos nosos mercados, coa imaxe do evento que creou o artista coruñés Antón Lezcano.
O 12 de agosto habilitaranse puntos de observación no Portiño, Parque de Bens e Monte de San Pedro, para os que se deseñará un dispositivo de tráfico especial con aparcamentos disuasorios. Tamén haberá puntos especiais de observación en cada distrito da cidade e un punto accesible para as persoas con mobilidade reducida. Haberá ese día unha programación cultural especial, con actuacións da orquestra Os Satélites e a Banda Municipal de Música, que ofrecerá un concerto especial, interpretando bandas sonoras de películas con temática espacial.
A Coruña, candidata á Rede de Cidades Creativas da UNESCO
Por outra banda, Gonzalo Castro anunciou durante o acto que A Coruña é candidata para formar parte da Rede de Cidades Creativas da UNESCO, no eido do cinema e audiovisual. A Rede de Cidades Creativas da UNESCO (UNESCO Creative Cities Network - UCCN) é un programa da UNESCO creado en 2004 que reúne cidades de todo o mundo que recoñecen a creatividade e as industrias culturais como factores estratéxicos para o desenvolvemento urbano sostible, inclusivo e innovador.
"O traballo constante e preciso do sector audiovisual coruñés impúlsanos cara ao noso nomeamento en marzo de 2027. Empezamos un camiño no que camiñaremos xuntos, administración e sector, para que A Coruña sexa recoñecida internacionalmente polas súas políticas culturais e creativas", sinalou Castro. En caso de ser escollida, A Coruña converteríase na primeira cidade galega en formar parte desta rede.
O Concello destaca como un dos puntos fortes da súa candidatura que A Coruña conta cun ecosistema audiovisual e cinematográfico consolidado, con empresas de referencia, infraestruturas especializadas, capacidade para acoller rodaxes e talento creativo recoñecido.
Aumento das persoas visitantes estranxeiras e nacionais no 2025
Durante o acto tamén se fixo balance dos principais indicadores turísticas do 2025 na cidade da Coruña, celebrando o aumento de persoas visitantes, tanto de orixe estranxeiro como nacional. O pasado ano experimentouse un crecemento do 20% no número de visitantes estranxeiros e un 12,8% no turismo interno. Tamén aumentaron os índices de ocupación hoteleira, cun aumento do 12,43% en viaxeiros e un 13,3% en pernoitas. Medran tamén as cifras de escalas de cruceiros, concretamente un 42% entre 2023 e 2025.
"Todas estes datos reforzan a nosa posición como capital Atlántica e son froito dunha política turística que busca ofrecer experiencias únicas e diferenciadas dentro do noso territorio e dunha política cultural punteira xa non en Galicia, senón en todo o Noroeste peninsular", sinalou o xerente do Consorcio de Turismo.
Unha programación cultural moi avanzada e para todo tipo de públicos
Os representantes institucionais celebraron tamén as estatísticas de asistencia a eventos culturais do pasado ano, destacando as cifras do Coliseum, que no 2025 rexistrou o seu récord de eventos con 55 e a súa segunda mellor marca histórica de asistentes con máis de 360.000 persoas. Este 2026 xa están confirmadas 23 actuacións musicais no recinto municipal, ademais das dez citas deportivas restantes de liga do Básquet Coruña.
Por outra banda, en canto ás persoas asistentes a eventos o pasado verán, sinalouse que foron máis de 800.000 persoas as que participaron en festas, concertos e outros acontecementos organizados ou nos que colaborou o Concello. Nese sentido, un ano máis, o Concello forma parte activa na organización de eventos de gran relevancia como Morriña Festival, Encontro Mundial de Humorismo, Atlantic Pride ou Noites do Porto. Tamén destacou a programación de espazos culturais como os teatros Colón e Rosalía de Castro e de ciclos como o Principal, que ano tras ano bate récord de persoas abonadas.

19 de xaneiro de 2026

17 de xaneiro de 2026

18 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible