19 de febreiro de 2017
O autor, que vén de recibir o Goya á mellor película de animación, ofrecerá ese mesmo día (18.00h) unha charla na Fundación Luis Seoane para dar dar a coñecer o proceso de creación da obra
O Concello organiza este martes, día 21, a pre-estrea da película de animación Psiconautas, de Alberto Vázquez --autor da novela gráfica do mesmo nome-- e Pedro Rivero, que se proxectará nos cines dos Cantones Villages ás 20.00 horas, dentro das accións que desenvolve a Concellería de Culturas Deporte e Coñecemento para dar difusión e visibilidade á creación local e galega, e como previa á estrea en salas do filme (o día 24). Nesa mesma xornada, a Fundación Luis Seoane acollerá, entre as 18.00 e as 19.00 horas, unha sesión divulgativa sobre o proceso de creación de Psiconautas, a cargo do propio Alberto Vázquez --que vén de gañar o premio Goya á mellor película de animación e quen será recibido mañá, luns, no pazo de María Pita polo alcalde, Xulio Ferreiro--, na que tamén estará presente o concelleiro desta área, José Manuel Sande. Ambas as dúas citas responden, en palabras do concelleiro, á "aposta que se está a facer desde o Goberno local coa produción propia nunha cidade da que podemos definir como unha Coruña de cine, pola súa fonda relación coa sétima arte e pola cantidade e multiplicidade de manifestacións audiovisuais que xurden dela", aposta que nos últimos meses vénse concretando a través do apoio do Concello a outros traballos, vinculados á cidade e a Galicia, como son as películas Migas de Pan --dirixida por Manane Rodríguez--, María (y los demás) --de Nely Reguera--, Mimosas --de Oliver Laxe--, Esquece Monelos --da directora Ángeles Huerta-- ou a curta Einstein-Rosen (de Olga Osorio), que foron proxectadas entre decembro e xaneiro co apoio do Concello, dentro das accións de promoción á produción galega.
No caso de Psiconautas, o responsable municipal de Culturas salienta a vinculación coa cidade, por ser obra dun creador galego e asentado na Coruña, e pon de relevo ademais a compoñente gráfica da película, "que entronca con esa riqueza que ten a cidade no ámbito da ilustración e a banda deseñada, un sector cultural que conta cunha ampla nómina e de extensa actividade ao longo do ano, e co que o Goberno local ten un firme compromiso, como unha manifestación cultural de excelencia que nos é moi propia". A este respecto, Sande alude á iniciativa Coruña Gráfica, impulsada o pasado ano desde o Concello para dar difusión a actividade das e dos creadores a través da edición dunha guía e unha exposición, e que vén completar a programación neste ámbito, afianzada a través da convocatoria anual do salón do cómic Viñetas desde o Atlántico.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible