Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de marzo de 2024

O Concello organiza unha mostra para celebrar o 50 aniversario de Fuxan os Ventos

A exposición abrirase ao público este xoves 14 en Salvador de Madariaga

O Concello da Coruña abre o xoves 14 de marzo a mostra que celebra o 50 aniversario do grupo musical Fuxan os Ventos. A exposición, que leva a por título 'Fuxan os ventos. 50 anos de historia' inaugurarase na Sala Salvador de Madariaga ás 19.00 horas e contará coa presenza de Gonzalo Castro, concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade; Sabela Fraga, comisaria da exposición e membros do propio grupo musical.

Esta exposición nace da necesidade de celebrar os 50 anos de historia do grupo lugués, máis tamén da necesidade de por en valor o seu percorrido musical. O proxecto expositivo idéase por un grupo de persoas entre os que se atopan varios membros de 'Fuxan os Ventos', a comisaria, a directora de arte Melania Freire e a coordinadora do proxecto Noa Díaz.

'Fuxan os ventos' ofreceu o seu primeiro concerto o 22 de outubro de 1972 no III Festival das San Lucas de Mondoñedo. Medio século despois a mostra pretende lembrar unha das agrupacións máis emblemáticas da música galega a través da ampla variedade de formatos que conforman o seu arquivo persoal. Fotografías, carteis, instrumentos, poemas, partituras e audios inéditos son algunhas das pezas a través das cales poderemos mergullarnos na cronoloxía e no universo creativo de Fuxan os Ventos, nunha mostra que, ademais, conta coas achegas de múltiples persoas e entidades culturais do país.

A mostra, de carácter itinerante, chega agora á cidade da Coruña. A exposición poderá visitarse na Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga desde o 14 de marzo ao 2 de xuño de 2024: polas mañás en horario de 12.00 a 14.00 horas e polas tardes entre as 18.00 e as 21.00 horas.

Fuxan os Ventos

A orixe de Fuxan os Ventos está no III Festival das San Lucas de Mondoñedo (1972). O grupo de música gañou a cita, obtivo o galardón de 50.000 pesetas e mudou o nome, pois ao certame foron como 'Folk 72', pero saíron como Fuxan os Ventos, título da canción triunfadora. Desde os seus comezos pasaron pola formación preto de 30 músicos.

En 1976 gravan o seu primeiro disco,' Fuxan Os Ventos', logo seguen con 'Tequeleteque' (1977), 'Galicia canta o neno' (1978), 'Sementeira' (1978), 'Quen soubera cantar' (1981), 'Noutrora' (1984), 'Sempre e mais despois' (1999), 'Na memoria dos tempos' (2002) e 'erra de soños' (2009).

O grupo, que detivo a súa primeira etapa nos oitenta, regresou aos escenarios en 2008. Na actualidade integran a banda Antón Castro, na zanfona, mandolina e voz; Xosé Vázquez, percusión tradicional e voz; Pedro Lucas, gaita, frautas e voz; Xoán L. Fuertes Saavedra, buzuki, guitarra, violín e voz; Carmen Vázquez, voz; Tereixa Novo, voz; Maruxa Fociños, voz; e Alfonso Fernández, voz. A mostra tamén serve como homenaxe a Moncho Díaz, voz, guitarra e frautas da banda, que faleceu en febreiro do 2023.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión