8 de xaneiro de 2026
Unha cuarta parte das 3.600 vivendas previstas na urbanización serán de protección oficial
Novo paso adiante no desenvolvemento do polígono urbanístico de Visma, que vislumbra xa a posta en marcha dos traballos de construción da bolsa residencial alí prevista, despois de que o Concello aprobase hoxe a concesión da primera licenza no ámbito, para un edificio de 114 vivendas.
A autorización deste permiso foi un dos asuntos máis destacados na Xunta de Goberno Local desta mañá, que deu luz verde á concesión da licenza sobre o proxecto básico presentado por Visma Homes, firma que prevé un investimento de 16,5 millóns na parcela Z4-R12LB, que conta cunha superficie de 3.100 metros cadrados no polígono.
Ademais das vivendas, o edificio contará, ademais, con prazas de garaxe, rochos, oficinas e zonas comúns, segundo o plantexamento achegado pola promotora, que disporá de seis meses de prazo para iniciar os traballos e dun total de 36 para completalos.
O pulo á urbanización de Visma polígono urbanístico de Visma, onde unha cuarta parte das 3.600 vivendas previstas serán de protección oficial, xa está a ser visible coa construción progresiva das infraestruturas e viais. Agora, en paralelo, avanza coa concesión dos permisos de edificación correspondentes.
Rehabilitación dun edificio no Camiño da Igrexa
Ademais, hoxe tamén se notificou a concesión da licenza necesaria para a rehabilitación integral dun edificio no Camiño da Igrexa, a carón do parque de Oza. Concretamente, o número 20, onde se prevé habilitar tres novas vivendas.
O investimento previsto pola promotora é de algo máis de 268.000 euros, con 24 meses estimados para o prazo de execución.
Un novo aloxamento hostaleiro en Agrela
Tamén este xoves, a Xunta de Goberno Local, concedeu os permisos necesarios para adecuar un antigo edificio de oficinas no polígono de Agrela, onde etá previsto para abrir unha pensión de dúas estrelas cunha capacidade de 126 prazas, ampliando así os aloxamentos hostaleiros dispoñibles na cidade e, máis concretamente, os que prestan servizo ao parque industrial.
O investimento previsto pola empresa promotora é de 1,4 millóns de euros, co obxectivo de remodelar o edificio, situado na rúa Gambrinus.
As axudas á rehabilitación abren camiño a melloras nun edificio de Juana de Vega
Ademais, tamén hoxe, a Xunta de Goberno validou a concesión dunha subvención de case 600.000 euros á comunidade de veciños do nº 6 da rúa Juana de Vega, cantidade que se destinará á rehabilitación do edificio ao abeiro da convocatoria de axudas á rehabilitación que o Concello lanzou o ano pasado.
Esta convocatoria forma parte das medidas nas que está a traballar o Goberno de Inés Rey para dar resposta ás diversas necesidades existentes na cidade en materia de vivenda. Unha delas, contribuír ás actuacións de mellora da accesibilidade e eficiencia enerxética en áreas de rehabilitación como a Pescaría, Cidade Vella, Ventorrillo e Labañou.
Neste caso concreto, o bloque do nº 6 de Juana de Vega está no ámbito PEPRI e solicitou fondos ao abeiro da convocatoria do ano pasado.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible